MEDIO AMBIENTE

Os "Mercados entre lusco e fusco" achegan de novo a produción ecolóxica a Belvís

28/06/2010 "Os mercados entre lusco e fusco son mercados de productos ecolóxicos e de proximidade previstos para os martes no serán nas terrazas do Parque de Belvís". Así os presentaba hai uns días a concelleira de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos. Despois da edición inaugural, o martes 29 volven abrir de novo ao público, e así será todos os martes dos vindeiros meses, nun horario de 19:00 a 22:00 horas no parque de Belvís.

Os colectivos que impulsan este novo mercado tradicional periódico de produtos de tempada e de proximidade son a cooperativa de consumo responsable Eirado, xunto cos colectivos de produtores Hortiña da Ponte e Lentura, apoiados por Andaime, asociación de enxeñería social e ambiental. Os mercados completaranse ademais, cada certo tempo, con produtos de comercio xusto e de troco.

A Concellaría do Medio Ambiente apoia esta iniciativa que contribúe a aproveitar as potencialidades do parque de Belvís e tamén axuda a achegar á veciñanza, nun horario diferente, produtos sans e de calidade, cultivados de xeito respectuoso co ambiente engadido ao feito de que a produción agroindustrial avanza desprazando á produción tradicional e contribuíndo á perda da diversidade xenética, á uniformidade nos hábitos de alimentación e ao distanciamento entre o produtor e o consumidor, alongando as cadeas alimenticias.

Ademais, os mercados tradicionais promoven a relación de confianza entre os produtores e os consumidores, ofertan produtos de proximidade que madurecen sen adobíos e sen transporte intermedio e contribúen a fixar xente no campo, nun traballo que mantén a tripla función que ten desempeñado tradicionalmente: a produción, a conservación da natureza e da súa biodiversidade, e a socialización.

Compartir: