TRANSPORTES

Máis servizos de verán no transporte urbano

28/06/2010 O xoves 1 de xullo entran en vigor os horarios de verán na rede de transporte urbano. Nesta temporada aumentan un 2% os servizos respecto ao verán de 2009.

O concelleiro de Mobilidade e Transportes, Carlos Nieves, presentou estes novos horarios, que teñen en conta as necesidades de mobilidade xeradas polo Ano Santo. Deste xeito, reforzarase a liña 6, a que maior número de viaxeiros transporta nos meses de verán e a que, xunto coa liña 7, presta servizo ao complexo do Monte do Gozo.

O reforzo consiste na incorporación dun novo autobús en horas punta e durante a práctica totalidade do día (11:00 – 21:00 horas). Dende o punto de vista das frecuencias, estas non se ven alteradas, manténdose o paso de autobuses cada 20 minutos.

Por outra banda, reestrutúranse os horarios das liñas urbano-periféricas de Figueiras (P1) e Ortoño (P2), na busca dunha adecuación dos seus tempos de expedición á lonxitude dos traxectos. Ademais, a liña de Ortoño incrementará a súa cobertura, xa que dúas expedicións que en 2009 remataban na praza de Vigo chegarán agora á estación de autobuses, ao igual que as restantes. Preténdese así mellorar a fiabilidade dos tempos de paso e aumentar as relacións de mobilidade dos usuarios destas liñas.

Outra liña periférica, a P7 (Peregrina – Grixoa), aumentará o seu número de expedicións, cun servizo de ida e outro de volta a maiores no traxecto San Roque – Grixoa. Aténdese así unha demanda veciñal.

Mellora da información
Outro dos obxectivos da Concellería de Mobilidade e Transportes para este verán e mellorar a información. Así, na información dos novos caderniños cos horarios, pensando non só nos composteláns, senón tamén nos visitantes, incluirase simboloxía específica de centros atraentes e xeradores de viaxeiros, tales como a estación de autobuses, a estación de ferrocarril ou o Monte do Gozo.

A descrición das liñas que inclúen algún destes lugares contará cun símbolo de cada un destes centros, para unha mellor comprensión do esquema da liña polos usuarios.

Estacionamento de Santa Marta
Finalmente, ante a inminente apertura do estacionamento de borde de Santa Marta, as liñas 1, 2, C2 e C4 incorporarán no seu percorrido a zona do aparcadoiro. A devandita instalación tamén estará reflectida en cada unha das liñas.

Compartir: