URBANISMO

Santiago recibirá unha árbore urbana que fomenta o respecto polo medio ambiente a través dun urbanismo sostible

26/06/2010 Funciona con bicicletas activadas coas pedaladas dos cidadáns e con paneis solares. A idea, auspicidada por ASA (Asociación Sostenibilidad y Arquitectura), xorde dun concurso para arquitectos. A concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, presentará a iniciativa xunto coa representante de ASA, Teresa Banet.

Unha árbore urbana que funciona pola enerxía producida por paneis solares e pola de bicicletas que activan os cidadáns chegará a Santiago a principios do mes de xullo e permancerá na cidade durante quince días.

Este proxecto, ideado por Uriel Fogué e Carlos Palacios, obtivo o primeiro premio, de entre 81 propostas presentadas, do concurso para novos arquitectos organizado por ASA (Asociación Sostenibilidad y Arquitectura) e as cidades patrimonio de Santiago de Compostela e Alcalá de Henares. O xurado valorou a súa capacidade para "trasladar a un público xeral as preocupacións propias da ecoloxía, por medio de estratexias lúdicas e que se proxectan cun control de medios que o facían viable economicamente."

O obxectivo do proxecto é a loita contra o cambio climático e a contaminación a través da arquitectura e de "Asaccións" (accións da asociación ASA, ligadas a arquitecturas efímeras e concretadas en diferentes cidades). A árbore funciona pola combinación da enerxía producida polas bicicletas activadas polos cidadáns e os paneis solares fotovoltaicos activados pola acción solar. A copa da árbore conéctase a un depósito que fai as veces de cimentación provisional, almacenamento de auga de rego e espazo de estancia.

A práctica "ciclista" permite que a árbore urbana regue as plantas que crecen na súa copa e vaporice auga nas estacións calorosas. A enerxía dos paneis serve de aporte enerxético complementario para a carga de dispositivos eléctricos, ordenador, teléfono móbil, etc.

Este prototipo, fabricado pola empresa Porcelanosa, comunica a xestión da enerxía a través de diversos códigos lumínicos como son o indicador de carga da batería, o indicador de auga almacenada e o indicador de emerxencia se a árbore se descarga.

Estas árbores urbanas son puntos de encontro para practicar o exercicio ao aire libre e colaborar no desenvolvemento das enerxías renovables.

Compartir: