ALCALDÍA

Sánchez Bugallo: "Sen os accesos, as posibilidades de poñer en valor a Cidade da Cultura vense moi mediatizadas"

25/06/2010 Na súa habitual rolda de prensa dos venres, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, referiuse á proposición aprobada no Pleno instando á Xunta de Galicia a axilizar as obras da Cidade da Cultura e a construír os accesos á mesma. Reclamou un "calendario realista" e unhas conexións viarias e peonís sen as cales "as posibilidades de poñer en valor o proxecto vense moi mediatizadas".

Sánchez Bugallo demandou que se poña data para a finalización dos dous edificios que faltan: "Resulta que hai 15 meses a data de remate era o 2013, e agora parece que a de 2015-2016 é inasumible". "O que non é admisible é a data do 2021, porque isto quere dicir que non hai data ningunha", engadiu.

Sobre os accesos, á vista da previsión de abrir os primeiros edificios da Cidade da Cultura a finais de 2010, indicou que "dos catro accesos viarios previstos no Plan Sectorial, só hai un, o que vai dende o Multiusos do Sar; e dos cinco accesos peonís previstos, en principio, non vai estar habilitado ningún".

Novo reitor
Minutos antes de asistir á toma de posesión do novo reitor da Universidade de Santiago, Juan Casares Long, o alcalde expresoulle os mellores desexo de éxito no cargo. Pediulle que "os proxectos da USC teñan continuidade, e estou seguro que así será, porque ten claro o que vai facer". Tamén o animou a "establecer as prioridades" neste escenario de limitacións orzamentarias.

Escolas infantís
Finalmente e a propósito dalgunha información xornalística, aclarou que as cifras sobre nenos e nenas que quedaran fora das escolas infantís municipais se afastan da realidade. "Moitos nomes están repetidos, porque solicitan praza en dúas ou tres escolas". Estimou a cifra real nuns 300 rapaces, cifra que se reducirá sensiblemente cando se poñan en marcha as escolas de Tras Parlamento e de Salgueiriños.

A futura escola municipal de Salgueiriños será a sexta municipal e "a sexta que se constrúe baixo o meu mandato", indicou o alcalde. Coas de titularidade autonómica de Vite e A Susana, serán oito as garderías públicas coas que conte a cidade, "superando o 30% de prazas públicas recomendadas pola Unión Europea".

Compartir: