ALCALDÍA

O alcalde aposta por un modelo futuro de sociedade mixta para INCOLSA

25/06/2010 Coa liquidación das contas de 2009 de INCOLSA, TUSSA E EMUVISSA, quedou pechado este capítulo respecto ás distintas empresas e sociedades con participación municipal. O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, destacou a boa saúde financeira de todas, que pecharon con "resultados económicos equilibrados ou positivos".

A unha destas empresas municipais, INCOLSA, Sánchez Bugallo atribuíulle un "mérito extraordinario" polo equilibro das contas acadado unha vez coñecida a retirada do apoio autonómico por 1,8 millóns de euros. Recordou o "gran esforzo" que para recuperar este equilibrio tivo que realizar o Concello e agradeceu o apoio da Deputación da Coruña a través de diversos convenios en materia de promoción turística.

Xa cara o futuro, o alcalde apuntou que "o modelo de INCOLSA debe modificarse" e apostou por "un modelo de sociedade mixta con participación pública e privada". Esta fórmula, semellante á que se mantén en sociedades como XADE, "achegaría máis socios, coa conseguinte aportación económica, e máis peso". Indicou ademais que existe interese por este modelo.

En calquera caso, quixo deixar claro o transcendental papel que xogou INCOLSA nestes anos para o turismo de Santiago, destacando cuestións como a desestacionalización ou a chegada dos voos de baixo custo. "Santiago necesita INCOLSA ou algo parecido a INCOLSA", engadiu.

Boa saúde financeira das empresas municipais
Volvendo aos resultados das liquidacións das empresas municipais, recordou que EMUVISSA rexistrou un beneficio de máis de 395.000 euros, e TUSSA de máis de 12.000. Sobre a primeira, recordou que hoxe ten un patrimonio neto de 4.216.000 euros "sen ter recorrido nin a un céntimo de crédito bancario". En referencia aos polígonos de vivenda desenvolvidos, afirmou que "Santiago sería hoxe unha cidade distinta se non houbera EMUVISSA. Tanto esta como TUSSA non reciben achega municipal, xa que son capaces de xerar os seus recursos propios, lembrou.

Listos os orzamentos municipais
Continuando coas cuestións orzamentarias, o rexedor municipal anunciou que, unha vez listas as contas para 2010 do Auditorio e de INCOLSA, os orzamentos municipais serán aprobados en Xunta de Goberno o luns 28, e presentados posteriormente en rolda de prensa pola concelleira de Facenda, Rosa Fernández. Tamén está lista a reformulación do plan de equilibrio financeiro. Irán ao Pleno antes do 5 xullo.

Para Sánchez Bugallo, "foi unha decisión correcta ter aprazado a aprobación dos orzamentos, porque non nos impediu facer nada, xa que na primeira metade do ano se puxeron en marcha obras por máis de 20 millóns de euros, a maioría adxudicadas", e porque lles permitiu ao Goberno municipal ter unha visión máis real dos necesarios axustes orzamentarios. "Probablemente se os tiveramos sacado a finais de 2009, daquela teríamos una visión máis optimista da que temos agora; hoxe isto permitiranos manter un estrito control de gasto nestes seis meses".

Tras insistir en que os orzamentos de 2010 non teñen máis novidade que "consagrar o que xa coñecíamos e tiñamos decidido", agradeceu a todo os concelleiros o seu "enorme sentido da responsabilidade" á hora de asumir os necesarios recortes.

Compartir: