EDUCACIÓN

Espazos de convivencia e lecer durante o verán nos centros escolares Pío XII, Fontiñas e López Ferreiro

24/06/2010 A concelleira de Educación, Mercedes Rosón, visitou os centros escolares Pío XII, López Ferreiro e Fontiñas, onde se realiza unha nova edición da Escola Municipal de Verán. As actividades comezaron o mércores 23 e prolongaranse, na primeira quenda, ata o 16 de xullo.

Nenos e nenas entre 3 e 12 anos participan nesta Escola de Verán, cunha ampla oferta didáctica e de lecer. A iniciativa, que pretende ser tamén un instrumento de conciliación da vida familiar e laboral, inclúe diversos obradoiros, itinerarios, xogos ou deporte, entre outras actividades, todas elas conducidas por monitores do Centro Do Bosco, da Asociación Xuvenil da Cruz Vermella e da Fundación Fesán.

Cada día, coa excepción dos fins de semana, as actividades comezan ás 9:30 e rematan ás 13:30 horas. O horario de recepción da Escola é de 9:00 a 14:00 horas. A forma de inscrición é o impreso correspondente, que se debe entregar cuberto no espazo de recepción do propio centro escolar ao inicio das actividades.

Despois desta primeira quenda, que remata o 16 de xullo, a Escola Municipal de Verán volverá, nos mesmos centros escolares, do 1 ao 9 de setembro.

Centro de Interpretación do Medio Rural
A Concellería de Educación recorda tamén que nesta mesma xornada comezan as actividades do Centro de Interpretación do Medio Rural da Portela (Figueiras). Dirixidas a rapaces e rapazas entre 7 e 14 anos, as actividades inclúen obradoiros de educación ambiental e patrimonial, itinerarios, artes plásticas, grandes xogos, etc. Este programa estenderase ata o 10 de setembro.

Existen dúas modalidades de matrícula: unha primeira, diaria, de 8:30 a 19:00 horas, de 25 euros por neno/a; e unha segunda, denominada "Campamento Rural", cun prezo de 180 euros neno/a. Nesta segunda opción, os escolares poden participar nalgunha das sete quendas preparadas: do 24 de xuño ao 2 de xullo, do 5 ao 14 de xullo, do 15 ao 24 de xullo, do 31 de xullo ao 9 de agosto, do 11 ao 20 de agosto, do 22 ao 31 de agosto ou do 1 ao 10 de setembro.

O prazo de inscrición neste programa remata cinco días antes de cada quenda. As solicitudes deben presentarse no Rexistro Xeral do Concello (rúa Presidente Salvador Allende, 4-baixo) ou nos rexistros auxiliares: Centro Sociocultural das Fontiñas (rúa Berlín, 13) ou Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche (rúa Frei Rosendo Salvado, 14-16).

Direcciones relacionadas



Compartir: