MEDIO AMBIENTE

Medio Ambiente colabora co ciclo de conferencias "A auga de Compostela, patrimonio dunha cidade sustentable"

23/06/2010 A Concellaría do Medio Ambiente colabora co ciclo de conferencias A auga de Compostela, patrimonio para unha cidade sustentable, unha serie de charlas organizadas pola delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG-Santiago). Acompañando a Elvira Cienfuegos, na presentación desta conferencia estiveron Iván de Andrés, responsable de Cultura do COAG-Santiago, e Jorge Duarte, presidente da delegación.

Para a edil, "é indubidable que na arquitectura a preocupación pola sustentabilidade foi claramente en aumento nos últimos tempos, o que veu dando froitos relevantes como o uso de novos materiais ou o aumento da eficiencia no uso de enerxías renovables nas novas construcións". É por iso que "non é de estrañar que un bo número de arquitectos, especialmente os que traballan no urbanismo ou no paisaxismo, se interesen pola auga e a súa xestión. Porque a auga, un recurso limitado, é indispensable para todas as formas de vida, contribúe a conformar paisaxes, é necesaria para a conservación de ecosistemas sans e tamén para o benestar humano", engadiu.

Elvira Cienfuegos quixo lembrar que "o nacemento e a evolución de Santiago de Compostela non pode explicarse sen mencionar a auga. A auga dos seus ríos, que serviu para regar as hortas, para lavar a roupa, para moer os cereais ou para a industria do curtido. A auga das súas fontes e manantiais, que daban de beber á veciñanza e visitantes. A auga, que hoxe axuda a conformar os espazos verdes públicos, os parques e xardíns que contribúen a calidade ambiental e a calidade de vida dos seus habitantes". Apuntou que "a auga é un recurso insubstituíble que hai que xestionar sabiamente. A auga é o gran patrimonio de Compostela e sen dúbida só cunha xestión acaída dela podemos avanzar no camiño da sustentabilidade".

Este ciclo de conferencias únese á iniciativa da Estratexia Verde para Compostela, que se está a impulsar dende a Concellaría co apoio do Consorcio de Santiago.

A auga de Compostela
A conferencia será o xoves 24, ás 20:00 horas, no CGAC, e estará presentada polo arquitecto Albert Cuchi, profesor da UPC e director-coordenador do equipo de traballo elaborador dunha Estratexia Verde para Compostela, que introducirá o tema e a conferencia que impartirá Pietro Laureano, recoñecido arquitecto urbanista italiano experto tamén en temas de auga.

Pietro Lauréano é profesor de Historia da Cidade e do Territorio na Facultade de Arquitectura do Politécnico de Bari (Italia). É membro do consello directivo do comité italiano do ICOMOS, consultor da UNESCO e experto en zonas áridas, na civilización islámica e nos ecosistemas en perigo. Realizou misións en Sana’a e en Shibam (Iemen), en Tipasa (Alxeria) e en Petra (Xordania). En palabras de Iván de Andrés, "teremos a oportunidade de escoitar a unha das máximas autoridades, nesta temática, do panorama internacional".

Unha ocasión para a reflexión e para a toma de decisións sobre a xestión da auga en Compostela. Unha conferencia de especial interese nun momento no que se está a reflexionar sobre o desenvolvemento do Plan Especial dun entorno tan dependente da auga como son as Brañas do Sar.

Compartir: