XUNTA DE GOBERNO

Duascentas cacharelas e sardiñadas para celebrar a noite de San Xoán

22/06/2010 A Xunta de Goberno autorizou 200 cacharelas e sardiñadas para a noite de San Xoán. Entre outros asuntos, tamén se aprobaron as liquidacións do transporte urbano e a prórroga do servizo de limpeza das dependencias municipais.

Das 200 cacharelas e sardiñadas autorizadas polo Goberno local, 119 realizaranse na cidade. Destas, 27 son públicas e 92 privadas. En canto ao rural, son 81 as permitidas, das que 8 son públicas e 73 privadas.

Cómpre recordar as regras para estas cacharelas e sardiñadas, nas que organizadores deberán coidar os arredores e coñecer o número de teléfono dos Bombeiros (080). Ao finalizar a cacharela e antes de abandonar o lugar da mesma, os responsables da organización coidarán de que as cinzas queden totalmente apagadas. Ademais, deberase limpar inmediatamente o espazo autorizado ao remate da actividade.

Na zona urbana o volume de combustible no superará os seis metros de perímetro nin un metro de altura. No caso do rural, o volume máximo será tres metros e a altura máxima tres metros.

A separación entre fogueiras e edificios e árbores será como mínimo de 12 metros, excepto no caso urbano. Porase especial coidado de non situalas baixo tendidos eléctricos ou telefónicos, así como que nos arredores non exista ningún local no que se almacenen produtos inflamables.

Prohíbese a queima de pneumáticos, plásticos, escumas de poliuretano, aceites e, en xeral, de calquera substancia que ao arder desprenda fume tóxico. En ningún caso se botarán ao lume recipientes con líquidos inflamables ou gases a presión, aínda que estean baleiros.

No suposto de que a cacharela se faga sobre terreos de uso público enlousados, os organizados encargarase de protexer o pavimento cunha capa de area de dez centímetros. Finalmente, prohíbese a colocación de pancartas que non estean expresamente autorizadas. A hora límite para rematar a celebración é as 3:00 horas da madrugada.

Transportes
A proposta do concelleiro de Transportes, aprobáronse as liquidacións do transporte urbano 2009, das que resultan as cantidades que o Concello debe achegar a maiores das recadacións do servizo para cumprir os respectivos contratos. As liquidacións son as seguintes:

• Tralusa: 2.698.939,78 euros
• Transportes Mosquera (liña 7: San Roque-Aríns): 249.331,74 euros
• Autos Carballo (liña Porta do Camiño-A Peregrina-Grixoa): 144.626,57 euros
• Hermanos Ferrín (liña Santiago-Villestro): 68.921,16 euros

Ademais, como sucede en cada exercicio, aprobouse a solicitude ao Ministerio de Economía e Facenda da subvención anual do transporte urbano, cifrada nuns 600.000 euros. Para esta materia, os Presupostos Xerais do Estado de 2010 fixan unha contía total de 69 millóns de euros.

No eido da mesma Concellería de Mobilidade e Transportes, acordouse deixar deserto o procedemento de licitación do expediente de contratación da explotación do bar-cafetería da dársena de autobuses da avenida de Xoán XXIII

Servizos
Outro dos acordos da Xunta de Goberno foi a prórroga da prestación do servizo de limpeza nos edificios e dependencias do Concello desde o 26 de xuño de 2010 ata o 25 de xuño de 2012, por un importe de 1.723.597 euros.

Cidade histórica
En materia de Cidade Histórica, aprobouse unha axuda para proxectos singulares de 316.164 euros por parte do Consorcio para a rehabilitación dun local situado na rúa da Conga, 9 e Xelmírez, 11. Trátase do inmoble que ocupa actualmente a Factoría Compostela.

Infraestruturas
A proposta do concelleiro de Infraestruturas, aprobouse o proxecto da Deputación da Coruña complementario ao da travesía Santiago a Figueiras, entre os puntos quilométricos 3,52 e 4. Por este motivo póñense tamén a disposición do organismo provincial os terreos necesarios para a execución da obra, consistente na instalación de puntos de luz e construción dunha beirarrúa arredor da igrexa parroquial.

Educación
En Educación, o Goberno local acordou solicitar a subvención para o mantemento da escola infantil municipal das Fontiñas 2010. Esta acuda supón anualmente unha parte do custo do mantemento da Escola, mentres que o resto do financiamento corresponde ao Concello e ás cotas.

Urbanismo
Ademais, aprobouse inicialmente unha modificación puntual do proxecto de urbanización complementario número 1 do SUNP-25 de Roxos. O cambio supón un reaxuste dunha beirarrúa, reducindo a súa sección en 30 centímetros, evitando así o derrubo da construción anexa a unha vivenda.

Na Xunta de Goberno deuse conta tamén do convenio subscrito entre a empresa Bano Real e o Concello para a cesión e adquisición gratuíta e libre de cargas do terreo propiedade da primeira fóra de aliñación na rúa Hórreo 79. O obxecto é a súa urbanización e incorporación ao dominio público viario. Así mesmo, ponse a disposición do Ministerio de Fomento o terreo cedido para a execución da obra do paso inferior do Hórreo.

Documentos relacionados



Compartir: