ALCALDÍA

O Concello recibe 350.000 euros da Deputación da Coruña para diversas actividades de promoción turística

21/06/2010 A Deputación da Coruña destina 350.000 euros financiar a realización de diversas actividades de promoción turística de Santiago de Compostela. Así se recolle no convenio asinado na sede da institución provincial polo presidente da Deputación, Salvador Fernández Moreda, e o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, para o financiamento do Plan de Mellora da Calidade Turística de Compostela.

A achega provincial representa o 80% do orzamento total do Plan, que ascende a 437.500 euros e que inclúe accións de promoción, atención aos visitantes, publicacións e comunicacións e proxectos de accesibilidade.

Entre as accións que se financian a través do Plan de Mellora da Calidade Turística inclúense a asistencia a feiras, congresos e eventos turísticos, a creación e distribución de diversos produtos de merchandising e paquetes de promoción da cidade, a impresión e edición de folletos, planos e guías da cidade co slogan publicitario "Santiago é grande", diferentes convenios de colaboración con touroperadores e os salarios dos informadores turísticos profesionais que atenderán aos visitantes na cidade de Santiago de Compostela.

Fernández Moreda expresou o seu desexo de que a colaboración económica da institución provincial sirva para potenciar o turismo en Compostela, especialmente durante este ano Xacobeo, e considerou que a cidade de Santiago "é un referente para todos os que visitan Galicia".

Pola súa banda, o alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, agradeceu o apoio económico da Deputación da Coruña para financiar o Plan de Mellora da Calidade Turística de Santiago e lembrou que a cidade é un destino turístico de primeira magnitude, polo que pasa cada ano o 85% dos visitantes de Galicia e que conta cunha oferta hoteleira de máis de 15.000 prazas.

Compartir: