PROMOCIÓN ECONÓMICA

A conferencia "Es un bo/a xefe/a" abre as Xornadas Internacionais de Coaching 2010

21/06/2010 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias; o presidente de AJE A Coruña (Asociación de Xóvenes Empresarios de A Coruña), Daniel Ramos; e Daniel Álvarez Lamas, licenciado en Economía e especialista en Dirección polo Instituto de Empresa (IESE) presentaron a conferencia Es un bo/a xefe/a? Coaching para a túa empresa, que abre as Xornadas Internacionais de Coaching 2010 (XIC10). Este relatorio, que se celebrará o día 22 de xuño, ás 19:30 horas, na ITE Caixa Galicia (rúa Nova, 33), ten como obxectivo difundir o coaching entre as/os asistentes, e amosar como este pode axudar na dirección das persoas.

O relatorio será presentado por Daniel Álvarez e impartido por Joaquín Dosil Díaz, doctor en Psicoloxía (actualmente exerce na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Vigo), presidente da Sociedade Iberoamericana de Psicoloxía do Deporte, autor de 17 libros sobre psicoloxía deportiva e membro fundador de QCoach. Explicarán como o coaching pode axudar a exercer unha xefatura dun xeito eficaz, que sexa valorado, como sacar o máximo partido ás/aos colaboradoras/es, e como afrontar os problemas que xorden a diario. As persoas interesadas en asistir poden inscribirse na páxina web de Promoción Económica www.maiscompostela.org, no formulario habilitado xunto á información do relatorio. Tamén poden apuntarse enviando un correo electrónico a ajemarineda@ajemarineda.com cos seguintes datos: nome e apelidos, empresa, posto, dirección, teléfono e correo electrónico.

XIC 2010 continuará o día 1 de xullo co seminario-obradoiro A forza do coaching: poden cambiar as persoas?, no que Joaquín Dosil e Daniel Álvarez explicarán as principais claves para aplicar as ferramentas do coaching no día a día das/os directivas/os. E os días 30 de setembro e 1 de outubro, coa celebración, en Santiago de Compostela, da II Xornada Internacional de Coaching. Con este evento de carácter internacional preténdese facilitar ao empresariado a formación necesaria para mellorar competitivamente nas súas organizacións a través do coaching; unha disciplina que, aplicada a ámbitos como o deporte, a empresa, os equipos de investigación ou as universidades, permite avanzar en materia de motivación, negociación, habilidades directivas, transferencia, coñecemento, comunicación entre equipos, etc. En 2009, AJE A Coruña organizou, en colaboración con distintas entidades, entre elas Promoción Económica, a I Xornada Internacional de Coaching. Asistiron cerca de 200 persoas e contou coa presenza de destacados poñentes e expertos na materia, entre eles o irlandés, Joseph O´Connor.

As Xornadas Internacionais de Coaching 2010 contan coa colaboración da Concellaría de Promoción Económica a través do programa Rede de Cooperación Local. Están organizadas por AJE A Coruña, con QCoach como partner. Nelas tamén colaboran a consellería de Economía e Industria, o IGAPE e ITE Caixa Galicia.

Compartir: