ALCALDÍA

Compostela revalida o seu compromiso coa música ao ritmo do Himno da Alegría

21/06/2010 A praza do Obradoiro acolleu o acto institucional con motivo do Día Europeo da Música. A lectura dun bando polo alcalde e a interpretación do Himno da Alegría da 9ª Sinfonía de Beethoven deron paso a unha xornada chea de actuacións musicais en diversos espazos da cidade, organizadas pola Concellería de Educación.

Baixo a dirección de Mario Diz, da Escola Municipal de Música, alumnos e profesores da mesma, xunto con outros da Escola Estudio, do Conservatorio Histórico de Música, da Escola de Música Berenguela e de corais e agrupacións musicais de Santiago, interpretaron o Himno da Alegría baixo un sol de xustiza e a mirada de moitos curiosos. Antes, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, leu un bando con motivo do Día Europeo da Música.

Sánchez Bugallo fixo un chamamento á participación cidadá nesta semana da música, na que participan toda a rede de centros de música da cidade. Cualificou o Día Europeo da Música como "unha festa, unha oportunidade de achegar á cidadanía, aos peregrinos e a quen nos visita, a arte musical". Destacou o "eixe educador" desta iniciativa e o papel da música nesta xornada para "fortalecer a convivencia cidadá e a cultura democrática, favorecendo a presenza de todo tipo de músicos e músicas".

A pouca distancia da Porta Santa, o alcalde referiuse a outra "porta de acceso que debemos franquear, porque se o mundo non entra, se todas as nosas portas permanecen sempre pechadas, non poderemos educar a nosa sensibilidade, condición indispensable para o gozo da música". Recordou o traballo que dende o Concello se realiza no eido da música, procurando que "o encontro coa música e outras facetas artísticas non sexan encontros casuais, senón oportunidades para facer destas sensacións, hábitos. Esta é a educación musical".

Este acto deu paso a unha xornada con actuacións en diversos espazos da cidade, como o Casino de Santiago, o Teatro Principal, o parque da Alameda, a praza do Toural, a praza das Praterías ou a Capela das Ánimas. Os concertos e actividades continuarán ata o 26 de xuño.

Documentos relacionados



Compartir: