ALCALDÍA

A Policía Local incorpora catro novos vehículos ao seu parque móbil

21/06/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, presentou os novos catro vehículos da Policía Local, que substitúen a outras unidades retiradas pola antigüidade. En total, o parque móbil da Policía Local conta agora con 27 coches e catro motocicletas.

O Concello investiu 80.603 euros na adquisición destes catro vehículos modelo C4 Picasso, que se destinarán a vixilancia de tráfico. Están dotados cun sistema de comunicacións, separación entre parte dianteira e traseira, sistemas de alarma e protección, sinais acústicos e luminosos, etc.

O alcalde indicou que estes vehículos viñan a substituír a outros con 11 anos de antigüidade e resaltou as "boas condicións" nas que se conserva a maioría de coches do parque móbil da Policía Local. Se ben a elección dunha marca de automóbiles con fábrica en Galicia foi consecuencia dun concurso aberto, expresou a súa satisfacción por contar con catro vehículos "fabricados e con mantemento en Galicia".

Menos delitos que en 2009
Preguntado polos xornalistas sobre os niveis de seguridade na cidade neste Ano Santo, o alcalde indicou que o número de delitos rexistrado é en torno a un 15% menor que no mesmo período do ano 2009. No caso das faltas, os niveis son semellantes, cun lixeiro ascenso. En calquera caso, Sánchez Bugallo insistiu en que os niveis de seguridade de Santiago "están moi por riba da media española, tanto en termos de poboación de dereito como de poboación flotante e mesmo en relación ao número de visitantes". Cifrou estes últimos nuns 20.000 diarios.

Compartir: