CONSORCIO

Aberto o prazo de inscrición do II Concurso "Canteiros no Obradoiro"

18/06/2010 O Consorcio de Santiago e a Fundación Laboral da Construción convocan unha nova edición do Concurso Canteiros no Obradoiro, que premia aos mellores canteiros de lousados. Trátase dunha iniciativa vinculada ao programa A pedra que pisas, de mantemento de lousados históricos de Santiago

A segunda edición do Concurso Canteiros no Obradoiro terá lugar o 10 de xullo na praza do Obradoiro e consistirá nunha proba de labrado manual dunha lousa como as que conforman o pavimento da Cidade Histórica. Partindo dunha prancha irregular de granito de 80x50x20, os canteiros deberán demostrar a súa destreza á hora de tallar unha lousa de granito.

Todos aqueles que estean interesados en participar deberán formalizar a súa inscrición antes do 30 de xuño, a través da web da Fundación Laboral da Construción de Galicia (galicia.fundacionlaboral.org). O concurso está dirixido a canteiros, empresas e centros de formación de España e Portugal que traballen habitualmente o granito. Haberá un primeiro premio de 1.500 euros, un segundo de 600 euros e un terceiro de 400 euros. Ademais, o gañador verá colocada a súa lousa nunha rúa da cidade, coa súa marca de canteiro, no marco das accións de mantemento e conservación dos lousados que promove o Consorcio.

A proba terá unha duración máxima de seis horas e o xurado terá en conta, ademais do tempo empregado, a corrección na elaboración dos diferentes planos e dimensións, a corrección nos acabados, o emprego correcto das ferramentas, o cumprimento das medidas de seguridade, a ergonomía no traballo e a organización e limpeza do posto de traballo.

O concurso permitirá devolver por unha xornada a praza do Obradoiro á súa función orixinal e que lle deu nome, é dicir, a de "obradoiro" de canteiros que traballaban na construción da Catedral.

Canteiros no Obradoiro enmárcase nas iniciativas encamiñadas á difusión e revalorización dos oficios relacionados coa rehabilitación promovidos polo Consorcio de Santiago e a Fundación Laboral da Construción e vincúlase de forma especial ao programa A pedra que pisas, posto en marcha en 2007 polo Consorcio para o mantemento e conservación dos lousados da Cidade Histórica.

En 2009, durante a primeira edición do Concurso, congregáronse na praza do Obradoiro 21 canteiros procedentes tanto de Galicia como de Portugal. O gañador foi Santiago Crespo, da empresa compostelá Neorsa.

Compartir: