ALCALDÍA

Santiago e Rennes reafirman os seus lazos nos ámbitos da educación e a cultura

18/06/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, participou na asemblea extraordinaria da Comisión do Arco Atlántico da Conferencia de Rexións Periférico-Marítimas e da Conferencia de Cidades do Arco Atlántico, conmemorativas dos seus 20 e 10 anos, respectivamente, de cooperación no espazo atlántico, celebradas en Rennes. Aproveitando esta xornada de traballo, Sánchez Bugallo presidiu, xunto ao alcalde de Rennes, Daniel Delaveau, o acto de irmandamento entre as cidades de Rennes e Santiago de Compostela.

No acto, celebrado na Casa do concello de Rennes, asinouse unha Carta de cooperación e participación que ratifica os lazos xa existentes entre ámbalas dúas cidades dende hai máis de dez anos, e que se vén materializado en proxectos concretos nos que traballan ou traballaron conxuntamente, como é o caso do proxecto de desenvolvemento sostible e rehabilitación do Asia Urbs coa cidade chinesa de Qufu, o SUITE, en materia urbanística, ou o Santiago-Une, que atinxe á cidadanía europea. Hai que lembrar que este irmandamento xa se acordara no pleno municipal do 12 de xaneiro de 2004. O alcalde de Rennes alabou o traballo realizado no Concello durante os últimos dez anos en materia de rehabilitación urbanística, e que lle valeu o recoñecemento de premios nacionais e internacionais.

Na Carta de cooperación e asociación asinada por ambos alcaldes faise fincapé na participación das colectividades das dúas cidades cidades na Conferencia de Cidades do Arco Atlántico como un punto de apoio útil para a cooperación entre territorios. Ademais, defínense as ferramentas de promoción, as relacións e intercambios no ámbito da educación, a investigación e a cultura.

Doutra banda, inaugurouse a exposición "Santiago une a Europa" na Oficina de Turismo de Rennes. A este acto e ao de irmandamento acudiron, entre outros, ademais de membros da Conferencia de Cidades do Arco Atlántico, como a alcaldesa de Avilés, Pilar Varela, representantes de asociacións da cidade de Rennes que traballan en prol de Europa, responsables do Centro de Estudos Galegos e do Comité Bretaña-Galicia, e o cónsul de España na Bretaña, Jean-Pierre Sánchez.

Compartir: