SEGURIDADE CIDADÁ

A oficina de coordinación do Xacobeo atendeu 26.000 peregrinos en catro meses

18/06/2010 A oficina específica habilitada polo Concello para coordinar todos aqueles aspectos da súa competencia neste Ano Santo atendeu 170 peregrinacións nos meses de marzo, abril, maio e no que vai de xuño. En total, prestaron atención a uns 26.000 peregrinos neste período.

A concelleira de Seguridade Cidadá, Marta Álvarez-Santullano, fixo públicos os datos destes meses de funcionamento da oficina, que prestou especial atención a aqueles peregrinos con algunha discapacidade física ou psíquica. Tomando en consideración conxuntamente os datos do Concello e os da Oficina das Peregrinacións, dende 1 de abril ao 25 de xuño contabilízanse 867 peregrinacións e 63.503 peregrinos. Non obstante, estas cifras poden ata duplicarse, posto que son moitas as peregrinacións que non comunican a súa chegada ou non facilitan o número de integrantes.

Na súa intervención, a edil destacou o traballo que, dende este órgano de coordinación veñen realizando a Policía Local e Protección Civil, os primeiros con información permanente e cortes de tráfico, fundamentalmente, e os segundos atendendo a estes colectivos con especiais dificultades.

Recordou igualmente que esta oficina recibe cada día centos de chamadas solicitando información e que traballa en contacto permanente coa Oficina das Peregrinacións. A este órgano están destinados especificamente un inspector da Policía Local, o responsable de Protección Civil e un auxiliar administrativo, pero neste traballo de atención ás peregrinacións están implicados tanto o persoal destes dous servizos municipais coma o resto de departamentos do Concello.

Álvarez-Santullano indicou que é previsible que o traballo desta oficina de coordinación e do resto de departamentos municipais implicados se vexa incrementado durante o verán, polas diversas e multitudinarias peregrinacións previstas, as festas do Apóstolo ou a programación do Xacobeo. Xa para novembro, outro momento clave será a visita do Papa.

A modo de anécdota e a propósito dunha das formas de peregrinación, a concelleira apuntou que nestes catro meses chegaron 471 cabalos, que en todo caso entraron na praza do Obradoiro antes das 8:00 horas, para abandonala antes das 9:00 horas. Respecto ás 170 peregrinacións colectivas, ademais das de colectivos de discapacitados, salientou as de colexios e as de militares.

Compartir: