BENESTAR SOCIAL

Mar Martín denuncia a "incerteza" que sementa a Xunta sobre o futuro das unidades de atención a drogodependentes

18/06/2010 A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Mar Martín, denunciou o "cambio nas regras do xogo" que pretende realizar a Consellería de Sanidade en relación ás unidades de atención a drogrodependentes. Así, lamentou a modificación do tipo de convenio polo que se financia a parte asistencial destas unidades, a minoración das subvencións e a intención do SERGAS de "deixar aos Concellos a responsabilidade destas unidades asistenciais, contrariamente ao fixado no Plan de Saúde Mental de Galicia".

Mar Martín explicou que, ata agora, a unidade asistencial da Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes (UMAD) recibía da Xunta de Galicia unha subvención de 642.000 euros en virtude dun convenio que se prorrogaba automaticamente se non había denuncia das partes antes do 31 de decembro. O Concello completaba o orzamento con preto de 360.000 euros. Explicou que, "ao non producirse denuncia, nós entendemos que existe unha prórroga tácita".

A Xunta formula agora –explicou a concelleira- un novo modelo de convenio a través da FEGAMP. "Dísenos que son subvencións para apoiar estas unidades, cando debería ser ao revés e os concellos apoiar a unhas unidades que, por ser unidades médicas, deben estar integradas nos servizos de saúde", engadiu, recalcando que esta responsabilidade asistencial da Xunta se marca no Plan de Saúde Mental de Galicia.

"A subvención pasa agora a 617.000 euros, co que o Concello terá que aumentar a súa parte", dixo, co agravante de que, "neste novo convenio non se di nada de que sexa prorrogable", coa "incerteza" que isto provoca respecto ao futuro da UMAD, xa que "non sabemos que pasará a partir de 2011". Recordou tamén que achega da Xunta para a unidade preventiva da UMAD tamén sufriu un recorte do 7%.

Mar Martín insistiu en lamentar estes recortes e cambios, que supoñen "un paso atrás", pero afirmou que "non podemos abandonar este servizo, que presta atención a uns 1.000 usuarios e a unha área de 42 municipios". Lembrou igualmente que se trata "dunha unidade pioneira en programas no ámbito da SIDA e da diminución do dano a drogodependentes". "Nós non queremos ningún enfrontamento coa Xunta, senón poder atender aos usuarios", concluíu.

Compartir: