PARTICIPACIÓN CIDADÁ

Música, teatro, maxia e sardiñas para celebrar a chegada do verán

18/06/2010 A concelleira de Participación Cidadá, Guadalupe Rodríguez, presentou a II Festa do Solsticio de Verán, que terá lugar a noite do martes 22 de xuño na Casa das Asociacións (rúa Manuel Beiras, 3). Aproveitando esta celebración, ese mesmo día inaugurarse no mesmo espazo a exposición A indumentaria tradicional galega. O traxe de Muros, que poderá visitarse ata o 30 de xullo.

A inauguración desta mostra contará coa presenza, entre outros, do alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e do presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda. Será ás 21:00 horas e, media hora despois, comezará a gran sardiñada, con cacharela e queimada, coa que se dará a benvida ao verán.

Guadalupe Rodríguez convidou a todos os veciños a participar nesta festa, en cuxa organización colaboran varias asociacións compostelás. Ademais de lume e comida, haberá actuacións musicais, das Pandeireteiras de Marantes e do grupo Van de Varanda. Outra das actividades será un espectáculo de maxia a cargo do Mago Xacobe e Teatro de Cámara Dítea porá a sorpresa escénica da noite con bruxas e conxuros.

A entrada é de balde. Unicamente se ofrecerá coas sardiñas e coa bebida un xerro conmemorativo de cerámica de Buño, a un prezo de dous euros.

O traxe de Muros
A mostra A indumentaria tradicional galega. O traxe de Muros é obra da Agrupación Folclórica Ximiela, coa colaboración da Deputación da Coruña. Consta de nove traxes rexionais, sete de muller e dous de home, en manequíns, representando a indumentaria tradicional das distintas comarcas galegas. Ademais, exhíbese unha colección de roupas, traxes infantís, adornos, xoiería e unha ampla colección de bonecas.

Todos os traxes foron confeccionados pola Agrupación Folclórica Ximiela, de Louro (Muros). Esta asociación naceu hai dez anos coa intención de ocupar o ocio infantil na parroquia con clases de baile, instrumentación e canto, formando un grupo folclórico. O traxes iniciais dos grupos de baile e gaita eran correntes, e entón propuxéronse confeccionar elos mesmos unha indumentaria luxosa, partindo do afamado que era tradicionalmente o traxe de Muros. Agora exhiben unha pequena mostra, pois teñen preto de cen traxes para todos os seus bailaríns e músicos.

Esta exposición comezou a súa andaina en Muros, o verán de 2009. Dende entón percorreu as salas de exposicións dos concellos de Outes, Mazaricos, Negreira, Ames, Carnota, Cee, Ribeira, Santa Comba, Boiro, Cerceda e Oroso. Tamén representou á Deputación nun programa de intercambio cultural coa cidade portuguesa de Viana, permanecendo exposta un mes no Museo Nacional do Traxe de Portugal. En setembro levarase ao Parlamento Europeo. A Concellería agasallará ás asociacións con exemplares do catálogo desta exposición.

Programa de verán
A concelleira de Participación Cidadá aproveitou tamén a rolda de prensa para avanzar parte da programación que o seu Departamento ten preparada para o verán. Así, comezou por lembrar que seguen en marcha as rutas do programa Fai o Camiño Connosco. Así, o sábado 19 continúa o percorrido polo Camiño Portugués. As seguintes etapas serán os sábados 3, 17 e 31 de xullo.

Tamén comeza en xullo a segunda quenda do Camiño Francés, con cinco etapas previstas entre o 5 e o 9 de xullo. Ao día seguinte, o sábado 10 de xullo, realizarase a ruta do Mar de Arousa e Ulla, con saída en autobús ata O Grove, dende onde os participantes farán unha travesía de tres horas en catamarán con degustacións de mexillóns, empanada e viño, nun percorrido de 23 quilómetros ata Pontecesures pola ría de Arousa, para continuar camiñando dende Pontecesures ata Santiago. Finalmente, a partir do 11 de setembro, os veciños poderán percorrer o Camiño de Fisterra en seis etapas.

Bailes e exposicións
Continúan igualmente os bailes de maiores os primeiros sábados de cada mes. As orquestras Luzada e Solymar amenizarán as veladas os días 3 de xullo, 7 de agosto e 4 de setembro.

Logo da exposición sobre o traxe de Muros, chegará á A Casa das Asociacións unha exposición itinerante das Cidades Patrimonio de España. Estará aberta do 7 de xullo ao 31 de agosto. A continuación, do 1 ao 8 de setembro, exhibiranse réplicas góticas e románicas da Colección Anacos de Compostela. Son pezas realizadas por Pepe Ruíz en pedra policromada.

Outra das mostras de setembro, do 9 ao 11, será a I Feira Internacional do Libro Anarquista, na que editoriais e distribuidoras de España, Portugal e Suíza exporán cartaces e realizarán presentacións de libros, debates e recitais. Para pechar este mes, do 17 ao 30, Arte Terapia Hauschka, exposición e obradoiros a cargo de Ismael Rodríguez Fraga.

Obradoiros e campamentos
A Concellería de Participación cidadá tamén traballa pola conciliación da vida familiar e laboral, polo que preparou, en colaboración co Departamento de Normalización Lingüística, unha nova edición do campamento de verán Animalingua, destinado a nenos e nenas de 8 a 12 anos. Nesta ocasión os rapaces irán a Sarreaus (Ourense)

Tras o éxito de pasadas edicións, tamén se celebrará o taller Falando en verde, cos que uns 15 participantes poderán descubrir o contorno natural de Compostela do 16 ao 28 de agosto.

Do 1 ao 9 de setembro, de 9:00 a 13:00 horas, celebrarase un taller de pintura en escaiola, impartido polo autor das réplicas góticas e románicas que se exporán na Casa das Asociacións, Pepe Ruíz. Faranse varias quendas, dunha hora e media de duración e de 10 participantes cada unha, nas tardes do 1 ao 8 de setembro.

Documentos relacionados



Compartir: