MEDIO AMBIENTE

A terceira edición da Feira do Sol chega ao paseo central da Alameda

16/06/2010 A concelleira de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel, Elvira Cienfuegos, presentou a terceira Feira do Sol que se celebra o sábado 19 no paseo central da Alameda desde as 11:30 ata as 20:00 horas. Esta actividade está enmarcada no programa Vive o Verán, que organizan as concellarías de Medio Ambiente e de Cultura e Centros Socioculturais.

A Feira ten o sol como motivo principal e a educación e a sustentabilidade como obxectivo. En palabras da concelleira, "é unha mostra lúdica e demostrativa das potencialidades do sol para usos cotiás". Así, o furgón da asociación cultural e medioambiental Os Picos do Sol levará para isto catro placas solares e un mini-eólico que produciran a electricidade precisa para o equipo de son, a bomba de auga e un ordenador. É unha festa, activa e participativa que está dirixida a todos os públicos na que os máis pequenos e os adultos atoparán elementos de interese e diversión ademais de ter ocasión, en palabras de Cienfuegos, "para a experimentación, a información e a formación".

Haberá contacontos, obradoiros, presentacións e exposicións de enxeños solares como distintos tipos de cociñas, fornos, xoguetes ou libros. Os obradoiros irán dende a construción dun forno solar guiada polo profesor de Bioclimática Juan Bello, un obradoiro de chapas personalizadas, a experimentación con cociñas solares para a posterior degustación dos produtos preparados, ata os obradoiros para fogares verdes, fogares nos que reducir a contaminación, aproveitar residuos e nos que aforrar auga e enerxía. Este obradoiro desenvolverao ADEGA e nesta edición estará dedicado á elaboracións de produtos de hixiene e coidado da pel con ingredientes naturais como os da aloe vera. ADEGA tamén desenvolverá outro obradoiro de construción dun vermicomposteiro, de especial interese para espazos pequenos, terrazas ou pequenos xardíns, porque ocupa pouco e é limpo e eficaz na transformación de materia orgánica en compost. E para rematar cos obradoiros, as asociacións Eirado, cooperativa galega de Consumo responsable, e Andaime, van dirixir un obradoiro que chaman Sensibilidade Vexetal para xogar cos sentidos no gozo de alimentos sans e de calidade.

Haberá presentacións de experiencias de reciclaxe e enerxías renovables así como ata dez bicicletas diferentes para probar na Alameda: tándem, triciclo ou bicicleta eléctrica, como modo de achegarse a un transporte máis sostible. A partires das 18:30 horas actuarán os Gazafellos con contos orixinais e participativos para entreter aos máis pequenos e, a partir das 19:00 horas, presentaranse os mercados Entre Lusco e Fusco, mercados de produtos ecolóxicos e de proximidade, que se desenvolverán os martes a partires do día 22, no luscofusco do parque de Belvís.

A Feira do Sol é así unha proposta lúdica e participativa, con variedade de actividades e con vocación de entreter, divertir e educar para a sustentabilidade. Unha proposta á que a concelleira convidou a participar a todos os composteláns e compostelás aos que asegurou que van a sorprenderse e divertirse. Todo, asegurou Cienfuegos, "se o sol nos acompaña con decisión". A concelleira asegurou que o sol non fallou nas anteriores edicións, así que "esperamos que non nos falle nesta".

Compartir: