ALCALDÍA

A USC recoñece coa súa Insignia de Ouro o compromiso do alcalde cos seus proxectos

16/06/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, recibiu de mans do reitor da USC, Senén Barro, a Insignia de Ouro desta institución, no marco do acto formal de recepción do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS).

Sánchez Bugallo agradeceu a imposición da insignia e falou da "relación moi estreita coa USC que debe ter calquera alcalde". Dixo que "sen a USC, Santiago sería outra cidade diferente", apelando ao seu papel na formativo, clave na configuración dunha cidade "competitiva, sostible, con futuro e na que os nosos fillos poidan traballar".

Pola súa parte, o reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro defendeu un modelo de "transición amigable entre o Campus e a cidade" e resaltou o "compromiso, proximidade e sensibilidade do alcalde dende o momento que tomei posesión como reitor". En particular, valorou que o rexedor compostelán "se comprometera a axudar e facer realidade as grandes metas da Universidade, coma o Campus Vida".

CIMUS
O Centro Singular de Investigacións en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS), incluído nas infraestruturas do Campus Vida, é un dos seis edificios que forman parte da Rede de Centros Singulares de Investigación coa que se está a promover un novo modelo de organización da investigación destinado a mellorar a transferencia e a valorización do coñecemento no ámbito internacional.

O edificio, no que se levarán a cabo programas de investigación en áreas como a endocrinoloxía, a neurociencia, a oncoloxía, a cardioloxía e a reumatoloxía, conta cunha capacidade para 250 investigadores. Ademais tamén atenderá áreas transversais como a investigación e desenvolvemento de fármacos, medicina xenómica e bioestatística. A produtividade e competitividade dos investigadores será valorada externamente co fin de asegurar o cumprimento dos obxectivos.

O edificio conta cunha superficie de case 13.000 metros cadrados. O investimento realizado ascendeu a 9.320.630 euros, sen IVE, aos que deben engadirse 2.791.786 euros que se destinarán á compra de equipamentos. A súa inauguración está prevista para finais de 2010.

Compartir: