TURISMO

Máis de 7.000 tapas degustadas no primeiro fin de semana de "Santiago(é)Tapas"

15/06/2010 O primeiro fin de semana de Santiago(é)Tapas deixou un balance de 7.000 tapas consumidas entre o venres 11 de xuño, día no que comezou o certame, e o domingo 13 de xuño. Na terceira edición do concurso participan 56 estabelecementos da cidade que ofertan 109 tapas. Nesta ocasión, dada a celebración do Ano Santo Compostelán 2010, amplíase a duración do concurso de tres a catro semanas e inclúense diferentes novidades. A data de remate é o 4 de xullo.

En 2009, nos primeiros catro días do concurso, consumíranse máis de 6.500 tapas, o que indica un crecemento importante, xa que nesta ocasión a contabilización non inclúe os datos do luns. Este crecemento tamén se produce no número de Tapasportes repartidos. Se no ano pasado se tiñan repartido máis de 2.300 Tapasportes, nesta edición xa son 3.300 os Tapasportes que se repartiron na Oficina do concurso na praza de Galicia, na Oficina de Información Turística de Turismo de Santiago, e nos estabelecementos participantes.

Unha das novidades deste ano que está tendo mellor repercusión é o Tapasporte Express, unha ferramenta pensada para que os turistas que van pasar uns días en Santiago poidan tamén gozar das tapas que ofertan os establecementos de Compostela e, aínda que non poidan cubrir algunha ruta por falta de tempo, teñan tamén a oportunidade de "xogar" con Santiago(é)Tapas e levar algún agasallo pola súa estadía na cidade.

O Tapasporte Express poderá ser cumprimentado por turistas que se atopen aloxados en calquera establecemento hoteleiro da cidade, cunha pernoctación mínima de 1 día. Este Tapasporte Express conta cun apartado específico dentro do Tapasporte, que terá que ser selado polo hotel ou a secretaría técnica para que sexa válido. Para optar aos distintos agasallos, os participantes teñen que contar con cinco selos de cinco establecementos, coa condición de que hai que ter un selo cuberto en cada unha das cinco rutas definidas. Deste xeito, terán oportunidade de coñecer as distintas partes da cidade.

Outra das novidades deste ano é que algúns establecementos participantes no concurso farán promocións específicas, que se comunicarán o mesmo día só a través da páxina de Turismo de Santiago en Facebook e a través da conta da empresa municipal en Twitter, de tal modo que se fomenta a promoción do concurso a través das redes sociais.

Santiago(é)Tapas é un evento organizado por Turismo de Santiago e promovido polo Concello de Santiago e a Asociación Hostelería Compostela. O patrocinador privado principal é Estrella Galicia e o patrocinador institucional principal é Turgalicia. Como copatrocinadores ten a La Casera, Travelplan e a Asociación Hostelería Compostela.

Toda a información pode consultarse na web de Santiago(é)Tapas

Facebook de Turismo de Santiago

Conta en Twitter: @santiagoturismo

Compartir: