CONSORCIO

A Real Filharmonía ofrece un concerto extraordinario sobre a figura de José Arriola

15/06/2010 Enmarcado nos actos de recuperación da figura do músico José Arriola, a Real Filharmonía de Galicia será protagonista dun concerto extraordinario formado por obras inéditas deste compositor, escritas para piano e orquestra. Deste xeito, a figura de Arriola redescóbrese, non só como un precoz e extraordinario pianista, senón tamén como un dos mellores compositores galegos do século XX.

O recital terá lugar o mércores 16 de xuño, ás 21:00 horas, no Auditorio de Galicia, e a entrada é libre. O programa está formado por Divertimento concertante, para dúo de pianos, cos irmáns Víctor e Luís del Valle como solistas, e Concertino para piano e orquestra, con Joaquín Soriano como solista. Dirixirá Maximino Zumalave.

Ao día seguinte do concerto iniciaranse as xornadas de gravación do disco monográfico dedicado a Arriola, tamén a cargo da Real Filharmonía de Galicia e Maximino Zumalave. Ademais das obras compostas para piano que soarán no concerto, o disco incluirá Seis poesías de Antonio Machado, con Javier Franco como barítono, e Tres textos cervantinos, coa soprano Carmen Durán, a contralto Ainhoa Zubillaga e o barítono Francisco Santiago. Está previsto que as sesións de gravación duren unha semana.

Todas as obras do disco responden a partituras recentemente recuperadas e que demostran a xenialidade de Arriola como compositor. Tal e como relata o xornalista ferrolán Luis Mera, as partituras estaban en mans de Carmen Osorio Rodríguez (Berlín 1907 - Ferrol 1995), irmá de Arriola. Esta muller viviu en Ferrol os últimos anos da súa vida, onde morreu nunha residencia de anciáns. Alí visitábaa Jaime López Pérez, xubilado dos estaleiros e home de fondas inquedanzas socioculturais. Nunha desas visitas comunícanlle que Carmen Osorio morreu e que deixara uns papeis que estaban no almacén e que, se quería, podía recollelos. Foi así como apareceron as partituras orixinais de Arriola. A partir de aí, Jaime López puxo en mans de Luis Mera este material, para elaborar diferentes estudos na revista Ferrol Análisis.

Unha vez rematado o estudo as partituras son devoltas, pero cando logo dun tempo se queren recuperar os orixinais, comunican que Jaime López morrera e a súa viúva non sabía a quen lle deixara as obras citadas. Deste xeito, a día de hoxe, o que se conserva son fotocopias dos orixinais, á espera de que poidan saír de novo á luz.

Pepito Arriola
José Rodríguez Carballeira (1895-1954), máis coñecido como Pepito Arriola, foi un recoñecido pianista de orixe ferrolá, pero cuxa vida transcorreu principalmente fóra de Galicia. Famoso pola súa condición de neno prodixio que ofrecía concertos dende os 4 anos de idade, tivo como mecenas á familia real e a propia raíña María Cristina sufragou os gastos dos estudos musicais de Arriola en Alemaña. Alí estudia no conservatorio de Berlín con Richard Strauss e toca coa Filharmónica desa cidade baixo a dirección de Nikisch.

Continúa a desenvolver o seu traballo artístico e chegou a ser pianista do último káiser, Guillermo II. Dende alí deu o salto aos Estados Unidos, onde ofreceu concertos nas principais salas, como o Carnegie Hall de Nova York, e realizou unha extensa xira por Cuba en 1910. En paralelo á súa faceta de pianista desenvolveu un labor de compositor, bastante descoñecido ata hoxe. Os estudosos sospeitan que o groso do seu traballo como compositor perdeuse durante os bombardeos de Berlín durante a Segunda Guerra Mundial. Hoxe, grazas ao traballo conxunto de persoas como Ramón Castromil ou Luís Mera e a Ruth Maltzanh, filla de Arriola, localizáronse diferentes partituras que agora ven a luz editadas de forma conxunta.

Compartir: