PROMOCIÓN ECONÓMICA

Promoción Económica analiza a incidencia das normas de eficiencia enerxética na mellora da competitividade empresarial

14/06/2010 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias; acompañado do delegado en Galicia de EQA (Europen Quality Assuranse), Javier López, e Andrés Pilas, director de negocio de AMBICAL, presentou a xornada técnica Eficiencia enerxética. A aposta europea pola eficiencia enerxética, a competitividade e o emprego. O encontro celebrarase o 17 de xuño no Centro Social de Caixanova (praza de Cervantes, 17).

Esta xornada técnica vai dirixida a profesionais, persoal técnico, estudantes, empresas e entidades públicas interesadas nas novas políticas e na xestión e normativa sobre eficiencia enerxética. Nesta xornada abordarase a necesidade de superar o modelo enerxético actual, o impacto ambiental das medidas previstas no contexto europeo, as oportunidades empresariais que implican e o marco legal no que se aplicarán. O seu obxectivo é que as persoas participantes coñezan as axudas que existen neste proceso de transformación e a súa influencia na xeración de emprego e na formación en técnicas de eficiencia enerxética.

Entre os obxectivos principais da Unión Europea (UE) atópanse a redución do consumo de enerxía e a prevención do malgaste enerxético. Ao favorecer a mellora da eficiencia enerxética, a UE contribúe de forma decisiva á competitividade, á seguridade do abastecemento e ao respecto dos compromisos asumidos no ámbito do Protocolo de Kioto sobre o cambio climático. Existen importantes potenciais de redución, en particular nos sectores que consomen moita enerxía, como o da construción, as industrias transformadoras, a conversión da enerxía e os transportes.

A finais de 2006, a UE comprometeuse a aforrar un 20% do consumo anual de enerxía primaria de aquí a 2020. Para alcanzar este obxectivo, recomenda mobilizar á cidadanía, aos responsables públicos e aos protagonistas do mercado, e establece, entre outras, normas mínimas de rendemento enerxético e normas sobre a etiquetaxe, aplicables aos produtos, aos servizos e ás infraestruturas. Este cambio na normativa, non só leva aparellados cambios na formación das persoas que traballan no sector, tamén abre un abano de novas oportunidades laborais e empresariais, polo que está considerado un novo xacemento de emprego.

As persoas interesadas poden inscribirse, ata o 17 de xuño ás 14:00 horas, na páxina web da Concellaría de Promoción Económica, www.maiscompostela.org, ou enviando o nome, apelidos e teléfono ao correo electrónico servizolocaldeemprego@santiagodecompostela.gal; ou ao fax fax 981 543 193. Na xornada, organizada pola Concellaría de Promoción Económica e Emprego e cofinanciada polo Fondo Social Europeo, colaboran o INEGA (Instituto Enerxético de Galicia), EQA (European Quality Assurance), Faepac (Fundación Axencia Enerxética Provincial de A Coruña) e AMBICAL, unha entidade experta en estudos de medio ambiente e calidade.

Documentos relacionados



Compartir: