CULTURA

A Banda Municipal de Música recupera vellas pezas e introduce novas melodías no seu programa de verán

14/06/2010 A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, e o director da Banda Municipal de Música, Xosé Carlos Seráns, presentaron o programa de concertos de verán da banda, que se desenvolverá dentro do programa Música na rúa.

É a segunda vez que o programa de concertos se presenta nun folleto, como explicou a concelleira, moi "útil e un xeito de coñecer a traxectoria desta banda, que realiza un traballo importante de achegamento da música á cidadanía". Ese achegamento prodúcese "saíndo á rúa, con concertos o xoves e o domingo na rúa do Vilar, como xa é unha tradición". A estas actuacións súmanse tres extraordinarias: "o 10 de xullo, coincidindo coas festas da parroquia do Eixo; o 9 de setembro en Conxo, aproveitando o marco dos xardíns do psiquiátrico, para recuperalos como espazo, e o 30 de setembro no parque de Bonaval, coa intención de darlles vida aos parques".

Socorro García resumiu o programa como un compendio de "música de todos os estilos bandísticos, tanto para os afeccionados máis tradicionais como para darlle cabida ás novas formas e propostas". Así mesmo, terá especial presenza a música galega, "que precisa apoio e difusión". A banda de música municipal tivo un papel importante na "recuperación de pezas case esquecidas que xa tocou hai décadas".

Por último, a concelleira salientou que o 15 de xullo a banda terá unha cita especial cun concerto de homenaxe a Rosalía de Castro, coincidindo co seu 125 cabodano.

O director da Banda Municipal de Música, Xosé Carlos Seráns, explicou que a súa intención será "contentar e agradar o público que xa temos e tamén o potencial", que visita a cidade co gallo do ano xacobeo. O feito de que os concertos se dean na rúa marca tamén o carácter do programa, de "carácter festivo e alegre". Ademais, para a ocasión, recuperáronse "vellos pasodobres que tiñan moita demanda", que foran interpretados pola banda décadas atrás e que xa practicamente estaban perdidos.

Nesa liña, tamén se recuperaron pezas da propia banda "que temos que poñer en valor". Ademais, para potenciar a música galega, "temos que recuperala e facer intercambios con outras bandas. É un material manuscrito e que non está editado", de feito que hai partituras que xa eran case ilexibles. A programación deste verán inclúe tamén "cousas de sempre, porque temos un público moi fiel que non podemos obviar, cun gran gusto pola zarzuela", e tamén "música galega de sempre, que gusta moito".

Documentos relacionados



Compartir: