MEDIO AMBIENTE E CIDADE HISTÓRICA

O II Concurso de Balcóns "Flores na cidade" conta xa con 63 inscritos

11/06/2010 Aínda que o prazo non remata ata o 30 de xuño, un total de 63 persoas formalizaron xa súa inscrición no II Concurso de Balcóns Flores na cidade, cifra que a estas alturas supón un incremento de case o 7% a respecto da participación total acadada en 2009. As persoas participantes formalizaron a súa inscrición no Centro de Interpretación de Parques e Xardíns da Alameda, onde tamén retiraron plantas, surfinias e xeranios.

Mostra da boa acollida da iniciativa son as 62 persoas máis que, sen participar no concurso, retiraron tamén plantas para embelecemento do espazo público desde os seus espazos privados. Aínda que o prazo de distribución gratuíta de plantas rematou o día 4, segue aberta a convocatoria do II Concurso de Balcóns. Quen queira participar deberán ter adornados os seus balcóns antes do 1 de xullo, xa que entre esta data e o 7 de xullo o xurado avaliará os balcóns.

Os premios consistirán en diploma, plantas e materiais de xardinería por valor de 200 euros para o primeiro; de 100 euros para o segundo e de 50 euros para o terceiro". Haberá tamén un premio do público, por valor de 75 euros, para o balcón máis votado a través da páxina do Concello do 1 ao 7 de xullo. O nome dos gañadores/as farase público o 9 de xullo.

As inscricións realizaranse mediante o correo electrónico, medioambiente@santiagodecompostela.gal, ou persoalmente no Centro de Interpretación de Parques e Xardíns da Alameda, de luns a venres, de 12:00 a 14:00 horas. Haberá que achegar a seguinte documentación e información: DNI do concursante, teléfono de contacto, situación exacta do balcón e tres fotografías en papel ou dixitais do balcón, unha anterior á ornamentación e outras dúas co balcón adornado.

O xurado poderá ter en conta aspectos como o estado de conservación do balcón, a orixinalidade da ornamentación, a harmonía no crecemento das plantas, a combinación de cores, a variedade, calidade e perdurabilidade dos elementos vexetais ou a innovación de especies e elementos accesorios. Poderán participar no concurso todas as persoas titulares ou arrendatarias de vivendas con balcóns que reúnan as condicións necesarias para ser decorados sen que isto supoña ningún perigo para a súa integridade nin para os viandantes. Loxicamente, deben estar na Cidade Histórica.

Os participantes exhibirán un distintivo do Concurso nun lugar visible e deberán remitir fotografías á organización. Estas fotografías expoñeranse nun espazo ao que se poderá acceder a través desta páxina web e de páxinas web www.compostelaviva.org.

Compartir: