EDUCACIÓN

A celebración na cidade do Día Europeo da Música dá un salto cualitativo grazas a un completo programa de actividades

11/06/2010 O 21 de xuño celébrase unha nova edición do Día Europeo da Música. Con este motivo, a Concellería de Educación promoveu un amplo programa de actividades do 16 ao 21 de xuño, o que supón un salto cualitativo nesta celebración respecto de edicións anteriores. Toda a rede de escolas de música de Compostela uniuse a esta iniciativa, que chegará a rúas, parques, prazas e institucións.

Máis de 1.500 profesores e alumnos de estudos musicais participarán nesta Semana da Música, presentada en rolda de prensa polo alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo; a concelleira de Educación, Mercedes Rosón; a directora da Escola Municipal de Música, Sara Domínguez, e o vicepresidente do Casino de Santiago, Ubaldo Rueda. Este último destacou o "salto extraordinario" desta edición polo número de participantes e actividades programadas.

Neste mesmo sentido, o alcalde felicitou ás escolas e conservatorios participantes por esta iniciativa, por canto supón "unir esforzos e por en valor a extraordinaria calidade e diversidade da formación musical á que poden aspirar os cidadáns de Compostela". Expresou o seu desexo de que o tempo tamén acompañe para darlle maior vistosidade ás actividades.

A directora da Escola Municipal de Música, Sara Domínguez, recordou algunhas das actividades previstas, nas que participarán alumnos e profesores da propia Escola, da Escola de Música Berenguela, da Escola Estudio, do Conservatorio de Música de Santiago e do Conservatorio Histórico de Música de Santiago. Haberá actividades nos seguintes espazos: praza do Obradoiro, praza das Praterías, praza do Toural, palco da música da Alameda, praza de Salvador Parga, praza de Feixóo, parque de Bonaval, Teatro Principal e Casino de Santiago.

Entre todo o programa previsto, Sara Domínguez destacou o acto institucional que terá lugar o luns 21, coa interpretación conxunta do Himno da Alegría, de L.V. Beethoven na praza do Obradoiro. Xa cara o 25 de xuño, fixo un chamamento a todos os cidadáns para que cedan os seus metrónomos analóxicos para a realización do Poema Sinfónico dos 100 Metrónomos (L. Ligeti). Ademais das Veladas no Casino, haberá concertos, diversos concertos, obradoiros para nenos e adultos, unha exposición, unha aula aberta e ata un faladoiro cultural sobre o mundo de Schumann, co que se pechará o programa o 26 de xuño.

Finalmente, a concelleira de Educación, Mercedes Rosón, anunciou o que o 9 de setembro, realizarase un concerto rechamante e único de campás. Ao unísono, soará a música en 12 campanarios da cidade.

Compartir: