TURISMO

"Santiago(é)Tapas" celebra o Ano Santo con moitas novidades e unha maior duración

10/06/2010 Santiago(é)Tapas, o concurso de tapas de Santiago de Compostela, celebra o Ano Santo Compostelán 2010 ampliando a súa duración de 17 a 24 días. Deste xeito dáse tamén resposta a unha das demandas dos participantes no concurso na pasada edición, que nesta ocasión terán máis tempo para degustar as 109 tapas que ofertarán os 56 estabelecementos participantes.

O concurso, que se celebrará entre o 11 de xuño e o 4 de xullo, foi presentado en Raxoi nunha rolda de prensa na que estiveron presentes o concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias; a xerente de Turgalicia, Carmen Pita; e o presidente da Asociación Hostelería Compostela, Jesús Sordo.

O número máximo de establecementos participantes era 50, pero debido ao interese espertado e ao número de solicitudes presentadas, decidiuse ampliar a participación ata 56. As tapas destes estabelecementos pasaron antes da súa aceptación a proba dun xurado de preselección que garante a súa calidade.

Tapasporte
O Tapasporte é un dos sinais de identidade de Santiago(é)Tapas. Trátase dun documento que, facendo un paralelismo coa credencial dos peregrinos, divide a Santiago de Compostela en cinco rutas ou (é)tapas de establecementos, que se converten deste xeito en tramos dunha peregrinación gastronómica pola cidade do Apóstolo.

Cada estabelecemento porá un selo no Tapasporte cada vez que se consuma unha das tapas presentadas ao concurso. Os participantes recibirán diferentes agasallos en función do número de rutas cubertas, como ceas en restaurantes de Santiago, unha noite de hotel para dúas persoas nos establecementos AC Hoteles de España, viaxes en Goleta Clásica polas Rías Baixas, lotes de produtos gastronómicos... As persoas que completen as cinco (é)tapas recibirán un lote de viños máis neveira de Despensa Selecta-Saavedra Voado, valorado todo en 500 euros.

O Tapasporte pódese pedir na Oficina municipal da Praza de Galicia ou na Oficina de Información de Turismo de Santiago (rúa do Vilar, 63). Tamén estará nos hoteis da cidade, nos bares de copas da Asociación Cultural Cidade Vella e nos 56 establecementos participantes.

Bebidas oficiais
Santiago(é)Tapas conta este ano cunha serie de bebidas oficiais. Se ao pedir unha tapa tamén se consume unha destas bebidas, o establecemento selará a casiña correspondente por duplicado. Os posuidores dos Tapasportes con rutas cubertas por duplicado terán dereito a múltiples premios. Quen cubra as cinco rutas por duplicado, ademais dos lotes de viño, gañará unha estadía dunha noite en calquera dos Paradores de España.

As bebidas oficiais do concurso son Estrella Galicia, Estrella Galicia Light, Shandy, Cabreiroá, Schweppes, La Casera, Trina, e os viños de Vía Romana, Ederra e Sin Palabras de Castro Valdés.

Gastrobingo
Nesta edición nace un novo xogo para dar maiores retos aos "tapeadores" en Compostela: o Gastrobingo. Ao consumir unha bebida oficial do concurso, o establecemento entregará un adhesivo que se pegará nunha tarxeta incluída dentro do Tapasporte, composta por 24 casiñas diferentes. O obxectivo é cubrir toda a tarxeta, para o cal as persoas poden cambiar os adhesivos que vaian conseguindo. As persoas que completen o Gastrobingo participarán no sorteo dunha viaxe ao Caribe.

As contas de Facebook e Twitter de Turismo de Santiago poden empregarse para intercambiar os adhesivos:

Facebook: http://www.facebook.com/pages/Santiago-Turismo/121284704548646?ref=ts

Twitter: @santiagoturismo

Viaxe ao Caribe
O gran premio para o público participante nesta edición de Santiago(é)Tapas é unha viaxe para dúas persoas ao Caribe, ofrecido por Travelplan, que inclúe desprazamento dende Madrid e sete noites de aloxamento en Hoteis Oasis de catro e cinco estrelas, con todo incluído. Participarán no sorteo da viaxe aquelas persoas que teñan cuberto as cinco rutas do Tapasporte e aquelas que completasen o Gastrobingo (neste caso, aínda que non teñan completado ningunha das rutas).

Tapasporte Express
O Tapasporte Express é unha ferramenta pensada para que aquelas persoas que van pasar uns días en Santiago podan tamén gozar das tapas que ofertan os establecementos de Compostela e, aínda que non podan cubrir algunha ruta por falta de tempo, teñan tamén a oportunidade de xogar con Santiago(é)Tapas e levar algún agasallo pola súa estadía na cidade.

O Tapasporte Express poderá ser cumprimentado por turistas que se atopen aloxados en calquera estabelecemento hoteleiro da cidade, cunha pernoctación mínima dun día. O Tapasporte Express conta cun apartado específico dentro do Tapasporte, que terá que ser selado polo hotel ou a secretaría técnica para que sexa válido. Para optar aos distintos agasallos, os participantes teñen que contar con cinco selos de cinco establecementos, coa condición de que hai que ter un selo cuberto en cada unha das cinco rutas definidas. Deste xeito, terán oportunidade de coñecer as distintas partes da cidade.

Tapasporte colectivo
O Tapasporte colectivo poderá ser solicitado por grupos (de entre 5 e 15 persoas). O grupo gañador será aquel que presente a maior media de selos de tapas e bebidas oficias do concurso por cada membro do colectivo. O premio para o grupo gañador será unha estadía dunha noite no Pazo de Lestrove, de Pousadas de Compostela, para todos os compoñentes do grupo, en réxime de aloxamento e almorzo, incluíndo cea ou comida.

(é)copas
(é)copas é unha das principais novidades do concurso que lle da un valor engadido, xa que involucra ao sector da hostalería nocturna en Santiago(é)Tapas. Deste xeito o concurso gaña unha nova dimensión e se consolida como un proxecto de cidade. (é)copas desenvólvese grazas a colaboración da Asociación Cultural Cidade Vella, composta por moitos dos pubs e cafeterías máis coñecidos do Casco Histórico.

Polas noites, de 23:00 a 01:00 horas, diferentes estabelecementos nocturnos ofrecerán combinados a un prezo especial de 3,5 euros a aquelas persoas que presenten o seu Tapasporte.

Ademais, haberá exhibicións de Gin-tonics nos diferentes establecementos nas datas que se indican no Tapasporte. E os posuidores do Tapasporte tamén terán descontos especiais en Gin-tonics de Schweppes e Premium Gins. Os establecementos que participan son A Reixa, Atlántico, Bar-Tolo, Borriquita de Belem, Casa das Crechas, Conga, Fraggle Rock, Modus Vivendi, Momo a Rúa e O Curruncho.

Investigación USC
Santiago(é)Tapas ábrese tamén este ano á investigación científica. O Grupo de Sistemas Intelixentes (GSI) da Universidade de Santiago (USC) desenvolverá un proxecto de investigación, co obxecto de definir un sistema de recomendación de tapas, bares, e rutas gastronómicas. A idea é que un algoritmo faga suxestións gastronómicas en base ás características persoais dos individuos e tamén das experiencias doutras persoas con gustos similares.

Para a investigación precísanse 100 voluntarios, que durante as primeiras semanas do concurso participarán no mesmo como calquera persoa. Nos últimos días do concurso terán que probar as cinco tapas que se lles recomende dende o GSI, para comprobar a eficacia do sistema de recomendación. Os voluntarios tomarán de balde estas cinco tapas suxeridas polo sistema de recomendación.

Os interesados en participar nesta investigación poden rexistrarse a través de www.santiagoetapas.com. Entre todas as persoas que se rexistren, seleccionarase aos participantes na investigación en función do seu perfil para ter unha mostra o máis diversa posible.

Tapas para celíacos e vexetarianos
O Concurso de tapas de Santiago de Compostela amosa este ano o seu compromiso coas persoas que padecen intolerancia ao glute e por iso unha das novidades da edición deste ano é a inclusión nas tapas do concurso de dez tapas de diferentes establecementos que son aptas para as persoas que teñen este problema. A avaliación da idoneidade destas tapas foi feita pola Asociación de Celíacos de Galicia (Acega), quen colaborou activamente coa organización. Santiago(é)Tapas é ademais este ano sensible coas persoas vexetarianas, que tamén poderán degustar unha serie de tapas.

As tapas para persoas celíacas ou vexetarianas aparecen identificadas cuns símbolos propios no Tapasporte, libriño onde se recollen as 109 tapas do concurso, os 56 establecementos participantes e as rutas ou (é)tapas nas que se distribúen.

Premios para os establecementos participantes
Nesta terceira edición haberá cinco premios para os establecementos participantes. Tres deles serán concedidos por un Xurado oficial, composto por persoas de recoñecido prestixio dentro do sector: xornalistas especializados, cociñeiros, representantes de empresas, de institucións e asociacións. Ademais, tamén participará no Xurado oficial unha persoa anónima, escollida nun concurso feito a través da páxina do evento en Facebook. Os outros dous premios serán resultado da votación popular. Entre todas as persoas que voten sortearanse tres cristalerías de 18 pezas.

O Xurado oficial concederá o Premio Estrella Galicia á Mellor Tapa do concurso, dotado con 2.500 euros, unha viaxe para dúas persoas a Praga e unha inserción publicitaria na revista Culturall, o Premio Asociación Hostalería Compostela á Segunda Mellor Tapa, dotado con 1.500 euros, e o Premio La Casera á Terceira Mellor Tapa, dotado con 1.000 euros.

O Xurado popular concederá o Premio Turgalicia á Mellor Tapa do Público, dotado con 1.000 euros e o Premio (é)xcelente Caixa Galicia, no que se valorará o servizo do establecemento (profesionalidade, rapidez, amabilidade…), as instalacións do establecemento (limpeza, orde, conservación…) e a experiencia global dos clientes, cunha dotación de 500 euros.

Patrocinadores e colaboradores
Santiago(é)Tapas é un evento organizado por Turismo de Santiago e promovido polo Concello de Santiago e a Asociación Hostalería Compostela. O patrocinador privado principal é Estrella Galicia e o patrocinador institucional principal é Turgalicia. Como copatrocinadores ten a La Casera, Travelplan e a Asociación Hostelería Compostela. Como colaboradores ten Caixa Galicia, Despensa Selecta, Hipercor, El Corte Inglés, Mercado de Abastos de Santiago de Compostela, Paradores, AC Hoteles, Pousadas de Compostela e a Deputación da Coruña.

Compartir: