MOBILIDADE

A consultora Epypsa sinala o teleférico como a opción máis económica, rápida e singular

10/06/2010 Epypsa realizou un informe avalando a idoneidade do teleférico como modo de enlace de Santiago coa Cidade da Cultura. O representante desta consultora independente, experta en desenvolvemento sostible, José María Pérez Lozano, definiu o teleférico como a opción máis económica, rápida e singular. Esta foi a conclusión da mesa "Análise dos modos de transporte público", celebrada no marco das IV Xornadas de Transporte e Mobilidade.

Epypsa dende a súa creación en 1979 desenvolve unha intensa labor como empresa de enxeñería e consultoría altamente especializada, ofrecendo servizos profesionais ás administracións públicas, empresas privadas e organismos multilaterais, centrando a súa actividade en áreas como o desenvolvmento territorial, a ecomomía, o medio ambiente, o transporte, as infraestruturas ou o turismo.

José María Pérez Lozano fixo estas declaracións no marco das IV Xornadas de Transporte e Mobilidade, organizadas pola Concellería de Transportes do Concello de Santiago, que se están a celebrar en San Francisco. O evento foi inaugurado polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo.

Neste primeiro día tratáronse temas tan importantes neste momento como a mobilidade dentro da mesa redonda "O dereito á mobilidade". Nesta mesa, moderada por Carlos Nieves Vicente, concelleiro de Transportes e Mobilidade de Santiago, estiveron presentes Joaquín C. Hermoso Murillo, alcalde de Puertollano e presidente da Comisión de Transportes da FEMP; Francisco Nárvaez, concelleiro de Mobilidade de Barcelona; e Maravillas Dafauce, concelleira de Transportes e Mobilidade de San Sebastián. Esta mesa levantou gran expectación polo momento no que vivimos coa inclusión dos plans de mobilidade na nosa sociedade.

Continuouse coa mesa redonda "Políticas de transporte público e vehículo privado" onde destacados profesionais do ámbito da empresa e consultoría abordaron o tema. Xa pola tarde as mesas centráronse na análise dos modos de transporte público e no financiamento do mesmo, onde se pediu máis axuda do Estado así coma unha revisión das políticas de bonificación social

Para o venres 11 está prevista outra mesa redonda, moderada pola concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, co título "Transporte público e planeamento urbano". Intervirán o arquitecto e ex alcalde de Santiago Xerardo Estévez e o presidente do Colexio de Arquitectos de Santiago, Jorge Duarte. Clausurará o evento o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández.

Compartir: