ALCALDÍA

Chaves felicita ao alcalde pola "magnífica xestión" dos recursos do Plan E na cidade

10/06/2010 O vicepresidente terceiro do Goberno e ministro de Política Territorial, Manuel Chaves, realizou unha visita ao Concello. Con este motivo, fixo balance dos investimentos do Plan E na cidade e visitou algunhas das obras que foron posibles grazas a estes fondos.

Na súa intervención, Manuel Chaves, felicitou a Xosé A. Sánchez Bugallo pola "magnífica xestión" que o Concello de Santiago fixo na cidade dos recursos do Fondo Estatal de Investimento Local (FEIL), en 2009, e dos do Fondo Estatal de para o Emprego e a Sostibilidade Local (FES), en marcha neste 2010. En xeral, o vicepresidente terceiro valorou a "boa xestión dos alcaldes destes fondos, demostrando un alto grao de eficiencia".

Sobre os FEIL, indicou que supuxeron "o proceso de rexeneración urbana máis importante levado a cabo nunca". Neste punto, o alcalde compostelán, recordou que, no caso de Santiago, foron 33 actuacións "extraordinariamente necesarias" e realizadas "en beneficio da cidadanía". Entre todas as obras, destacou pola súa dimensión a de reurbanización do chamado Ensanche Vello, así como a creación, en total, de 891 postos de traballo.

"Os FES están máis vinculados a un modelo sostible dende o punto de vista económico, medioambiental e social", indicou Chaves. Con ese "cambio de filosofía -indicou o alcalde- investimos en proxectos de prestación de servizos máis vinculados á calidade medioambiental ou á incorporación de novas tecnoloxías". Son actuacións que crean menos postos de traballo pero que "serán máis rendibles para o futuro". Nesta caso puxo especial énfase no Centro Cívico de Santa Marta.

Unha parte das obras rematadas do FEIL foron visitadas polo vicepresidente e o alcalde. Estiveron na rúa Trindade, no ámbito do pazo de Raxoi e da igrexa de San Frutuoso, e logo realizaron un breve percorrido polo Casco Histórico.

Antes deste percorrido, Manuel Chaves e Xosé A. Sánchez Bugallo fixeron o devandito balance no Salón Nobre do Concello e compareceron ante os medios de comunicación. O vicepresidente terceiro asinou no Libro do Xacobeo 2010.

Compartir: