ALCALDÍA

Unha mirada nostálxica na Alameda á evolución histórica do transporte de pasaxeiros por estrada

09/06/2010 No marco das IV Xornadas de Transporte e Mobilidade, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurou unha exposición de autocares antigos no paseo central da Alameda. Antes, pola mañá, a Casa do Concello acollera a xuntanza da Comisión de Transporte e Infraestruturas da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).

Os que se acheguen ao paseo central da Alameda poderán atopar máis dunha ducia de autocares antigos e unha exposición fotográfica. Tamén terán a oportunidade de practicar cos simuladores de condución alí dispostos.

Esta mostra supón o aspecto máis lúdico e didáctico da Semana do Transporte, que comezara coa reunión en Raxoi da Comisión de Transporte e Infraestruturas da FEMP. O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, saudou e compartiu uns minutos cos integrantes desta Comisión.

As IV Xornadas de Transporte e Mobilidade celebraranse os días 10 e 11 no Hotel Monumento San Francisco. Tras a inauguración celebrarase unha mesa redonda sobre "O dereito á mobilidade". O resto da primeira sesión estará dedicado a analizar as políticas de transporte público e vehículo privado, ao debate dos distintos modos de transporte público e ao financiamento destes servizos.

Na mañá do día 11 rematarán as Xornadas cunha mesa redonda sobre "Transporte público e planificación urbana". Clausurará o evento o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández.

O tema estrela das Xornadas, ademais do transporte público, é a mobilidade. Por este motivo, estarán en Santiago os principais implicados no sector: empresas de transporte, administración local e autonómica, consultoras, etc. Para analizar estes temas, contarase cun grupo de profesionais de recoñecido prestixio dentro do sector.

Compartir: