XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba as minoracións nos salarios dos membros da Corporación

09/06/2010 As retribucións dos membros da Corporación e do persoal eventual foron aprobadas pola Xunta de Goberno, atendendo ás minoracións formuladas pola Federación Española de Municipios e Provincias. Na mesma sesión adxudicáronse obras por máis dun millón de euros.

Acórdase que, con efectos do 1 de xuño, se apliquen as deducións salariais que, no caso do alcalde, alcanzan preventivamente o 9%. A redución final dependerá da que aprobe finalmente a Comunidade Autónoma para os seus conselleiros, xa que o salario do alcalde está homologado co nivel retributivo destes. En canto aos concelleiros en réxime de dedicación exclusiva, a baixada é dun 8%, e a do persoal eventual un 5%, por estar estes homologados salarialmente con postos de funcionarios.

En materia de contratación, elevouse a definitiva a adxudicación do contrato de reforzo de firme de vías públicas municipais durante o ano 2010, por importe de 948.275 euros. Ademais, adxudicáronse provisionalmente as obras de substitución do depósito de augas de Brins e a súa integración na paisaxe, por 69.954 euros máis IVE, e as de ampliación da rede de abastecemento de Reibó (Laraño), por 69.999 euros máis IVE.

Outro contrato adxudicado provisionalmente foi o do servizo de mantemento, conservación e reparación das instalacións do sistema de control de tráfico do termo municipal de Santiago de Compostela, por un importe de 428.351,82 euros/ano máis IVE. Finalmente, elevouse a definitiva a adxudicación do contrato de prestación do servizo de mantemento de vehículos municipais, por un importe de 28,50 euros máis IVE para traballos de revisión e mantemento, 9 euros máis IVE por lavado completo, aspirado e limpeza de cristais e 4 euros máis IVE por lavado exterior dos vehículos.

Benestar Social
A proposta da concelleira de Benestar Social, aprobouse a sinatura de convenios con diversas entidades. Son as seguintes: Asociación Internacional Teléfono da Esperanza (ASITES), 2.200 euros; Asociación Galega de Lupus (AGAL), 2.200 euros; Asociación de Persoas Xordas de Santiago, 8.500 euros; Asociación de Voluntarias da Caridade de San Vicente de Paúl, 4.306 euros; Asociación Galega de Espiña Bífida e Lesionados Medulares, 2.200 euros; Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual, 2.705,06; Fundación Secretariado Gitano, 19.700 euros; Centro Cultural-Social Xoán XXIII, 20.208,50 euros; Cáritas, 35.000 euros; Asociación de Dano Cerebral Sarela, 2.200 euros; Asociación de Loita contra Enfermidades do Ril (ALCER Coruña), 2.200 euros; Asociación Galega para a Asistencia e Investigación dos Trastornos da Personalidade (TP Galicia), 2.200 euros; Fundación Monte do Gozo-Proxecto Home, 29.751 euros; Asociación de Bulimia e Anorexia de Galicia (ABAGAL), 2.200 euros; Colexio de Avogados de Santiago, 5.000 euros; Asociación Galega para Axuda dos Enfermos Alzheimer, 3.606 euros; Asociación Fonte da Virxe de Familiares e Amigos de Enfermos Mentais, 3.700 euros; Asociación de Persoas con Trastornos no Espectro Autista (ASPANAES), 3.100 euros; Cociña Económica, 20.208,50 euros; Cruz Vermella, 11.000 euros; Asociación Española contra o Cancro (AECC Coruña), 2.200 euros; Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple, 2.706,05 euros; e Asociación Síndrome de Down Compostela, 2.706,05 euros.

Cidade Histórica
No ámbito de Cidade Histórica, aprobouse a concesión de diversas axudas para rehabilitación de vivendas e locais, por un importe total de 118..564 euros (o 45,45% cofinanciados polo Xunta e 54,55% polo Ministerio de Vivenda).

Urbana Santiago Norte
A Xunta de Goberno aprobou tamén as bases para a convocatoria de subvencións para a realización de Programas Integrais de Inserción Sociolaboral, dirixidas a entidades sociais e ONGs para o ano 2010. Esta axudas, contempladas dentro do Programa Iniciativa Urbana Santiago Norte, supoñen un importe total de 100.000 euros para o ano 2010, cun importe máximo por entidade de 20.000 euros.

Documentos relacionados



Compartir: