ALCALDÍA

O alcalde inaugurou a mostra de billetes e útiles bancarios da colección do BBVA

08/06/2010 A exposición La colección de billetes BBVA 1798-2000 y presencia de BBVA en Santiago foi inaugurada oficialmente polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, na oficina desta entidade bancaria da rúa Senra.

Organizada polo Arquivo Histórico do Banco, esta exposición, que se enmarca dentro do proxecto expositivo Xacobeo BBVA 2010, reúne unha gran variedade de obxectos de oficina, documentos, fotografías e unha selección da colección de billetes de BBVA, que abarca dende o século XVIII aos nosos días. A mostra permanecerá aberta ata o 28 de xuño.

As vitrinas coa colección de billetes constitúen un dos fitos da exposición. Os visitantes poderán ter unha visión evolutiva dende o real de vellón ao euro, pasando pola peseta. BBVA comezou a súa andadura en Santiago en 1921, coa instalación da primeira oficina do Banco no casco histórico compostelán.

Na exposición destacan os billetes emitidos por un dos bancos decanos de BBVA, o Banco de Bilbao, que tivo capacidade para emitir entre 1857 e 1874. Xunto a eles, tamén son de grande interese os billetes coloniais e un repertorio de billetes do século XX ata as últimas emisións en pesetas da década dos 90 do pasado século.

Tamén se seleccionou un conxunto de máquinas de escribir, calculadoras de época e diversos útiles do traballo bancario dende finais do século XIX, con algunhas marcas de referencia americanas, francesas, inglesas e alemás. Neste apartado chaman a atención varias arcas de caudais, entre as que destaca o primeiro cofre de BBVA, que serviu entre 1857 e 1874 como caixa de tres chaves para a garda e custodia do contravalor en barras de ouro dos billetes emitidos e postos en circulación polo banco nese período.

Compartir: