PROMOCIÓN ECONÓMICA

Ponse en marcha o proxecto "Equal Compostela Social, Contigo para emprender"

16/03/2005 Arredor de 60 empresas, predominantemente microempresas, poderán ser creadas a través do programa Compostela Equal.

O proxecto Equal Compostela Social, Contigo para emprender, é unha iniciativa de fomento da cultura emprendedora na que o Concello de Santiago participa xunto co resto dos concellos da comarca e algunhas das principais institucións con presencia na cidade: Universidade de Santiago de Compostela, Caixa Galicia, Asociación de minusválidos de Compostela, Asociación Plataforma polo Emprego, Cámara de Comercio de Santiago, Fundación para o desenvolvemento da comarca de Santiago; ademais da Xunta de Galicia a través da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

O proxecto naceu hai dous anos, coa intención de desenvolver un conxunto de iniciativas que constituísen un plan integral de fomento da cultura emprendedora na comarca; facilitando o acceso a esta modalidade de autoemprego nos colectivos con máis dificultade para o aceso ao mercado laboral.

Compostela Social centra a súa actuación en mulleres maiores de 45 anos, xoves sen cualificación, familias monoparentais, parados de longa duración, discapacitados e vítimas de violencia doméstica.

Como funciona
O proxecto conta cun orzamento do Fondo Social Europeo de 1.300.000€. O seu obxectivo é o de atender arredor de douscentos usuarios, que coñecerán os obxectivos do programa e as súas vías de acceso a través dunha campaña de promoción. Antes de que un usuario poida acceder ao programa, unha equipa técnica encárgase de estudar a idoneidade do seu perfil, encaixándoo nun colectivo.

Os usuarios participarán nun período de formación de 3 meses no que traballarán os principais aspectos relacionados coa posta en marcha e xestión dunha empresa e onde comezarán a deseñar o seu proxecto de empresa coa axuda dunha equipa técnica multidisciplinar.

Despois, poderán coñecer a actividade diaria dunha empresa durante un mes, para de seguido acabar de asentar o seu plan de empresa e comezar a súa posta en marcha.

Liñas de financiamento específicas, espazos onde comezar a desenvolver as súas actividades en forma de Centro de Recursos para as Empresas, unha tutela da equipa técnica do durante o primeiro ano de vida, axudas ao transporte e compensatorias para as persoas que o precisen ou a posta en marcha dunha rede entre os proxectos creados ó amparo do programa son algúns dos importantes apoios aos emprendedores que contempla este programa.

Cooperación transnacional
O proxecto ten unha parte de traballo adicada á cooperación transnacional, a fin de fomentar o intercambio de información con rexións ou cidades que desenvolven proxectos similares.

Compartir: