PROMOCIÓN ECONÓMICA

Promoción Económica abre o prazo para inscribirse na xornada de formación sobre eficiencia enerxética

08/06/2010 A Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo abriu o prazo de inscrición na xornada técnica Eficiencia enerxética. A aposta europea pola eficiencia enerxética, a competitividade e o emprego. O encontro celebrarase o 17 de xuño no Centro Social de Caixanova (praza de Cervantes, 17).

Esta xornada está dirixida a profesionais, persoal técnico, estudantes, empresas e entidades públicas interesadas nas novas políticas e na xestión e normativa sobre eficiencia enerxética. Abordarase a necesidade de superar o modelo enerxético actual, o impacto ambiental das medidas previstas no contexto europeo, as oportunidades empresariais que implican (está considerado un novo xacemento de emprego) e o marco legal no que se aplicarán. O seu obxectivo é que as persoas participantes coñezan as axudas que existen neste proceso de transformación e a súa influencia na xeración de emprego e na formación en técnicas de eficiencia enerxética.

As persoas interesadas poden inscribirse, ata o 17 de xuño ás 14:00 horas, na páxina web da Concellaría, a href='http://www.maiscompostela.org' target='blank']www.maiscompostela.org; ou enviando o nome, apelidos e teléfono ao fax 981 542 493, ou ao correo electrónico servizolocaldeemprego@santiagodecompostela.gal. A asistencia é de balde. Como o aforo do Centro Social Caixanova é limitado, terán preferencia as persoas que primeiro formalizaran a inscrición por calquera dos medios antes descritos. Na xornada, organizada pola Concellaría de Promoción Económica e Emprego e cofinanciada polo Fondo Social Europeo, colaboran o INEGA (Instituto Enerxético de Galicia), EQA (European Quality Assurance) e Faepac (Fundación Axencia Enerxética Provincial de A Coruña).

Compartir: