ALCALDÍA

Lista para a súa reapertura a remodelada Fundación Eugenio Granell

08/06/2010 O venres 11 de xuño abriranse os novos espazos da Fundación Granell, grazas ao acondicionamento da superficie anexa ocupada no seu día por EMUVISSA. Este foi un dos temas que se abordou na reunión do Padroado da Fundación Granell, presidido polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo.

Será tamén o rexedor compostelán e presidente do Consorcio quen inaugure estas obras, nas que o ente interadministrativo investiu 629.896 euros. Esta intervención permitiu ampliar máis do 35% a superficie de almacenaxe e unha redistribución das áreas públicas.

A Fundación Eugenio Granell disporá de máis de 2.500 metros construídos no Pazo de Bendaña, un edificio incluído no Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica. Despois desta actuación, os lugares públicos de exposicións xirarán arredor da escaleira principal do Pazo, reservando os espazos administrativos en contacto coa medianeira da rúa do Vilar. Deste xeito créase unha área administrativa interconectada con acceso propio dende a rúa do Vilar.

Na primeira planta reordenouse o espazo expositivo, destinando as zonas que non posúan iluminación natural para a nova ubicación de almacenaxe e obradoiro de conservación do Museo. Ademais, liberouse a planta baixo cuberta, destinándoa totalmente ao uso da biblioteca, que incrementará os seus fondos coa incorporación da biblioteca persoal de Eugenio Granell.

Exposición arquitectónica
A reapertura da Fundación Granell realizarase coa mostra En obras: do Pazo de Bendaña á Fundación Granell, do arquitecto Pablo Tomé. A exposición contará con recursos audiovisuais e gráficos que lle permitirán ao público apreciar os valores puramente arquitectónicos do Pazo. A exposición estará aberta ao público de balde no horario habitual de verán da institución: de martes a sábado de 11:00 a 21:00 horas e o domingo de 11:00 a 14:00 horas.

Compartir: