PROMOCIÓN ECONÓMICA

O proxecto Play Nature World gaña o Startup Weekend Galicia

07/06/2010 O proxecto Play Nature World, sobre un xogo interactivo (en tempo real) de realidade aumentada conectado a redes sociais, é o gañador do Startup Weekend Galicia. Neste evento celebrado o fin de semana, colaborou a Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, a través do programa de fomento do emprendemento Compostela Activa 2010. Baseado no networking e no traballo en equipo, reuniu a 50 persoas con talentos diversos, co obxectivo de, a través dunha idea, crear unha empresa en tan só 48 horas.

No Startup Weekend Galicia desenvolvéronse cinco ideas: a gañadora, Play Nature World, que gañou unha viaxe a Hit Barcelona, un evento de innovación e inversión ao que asisten inversores e representantes de importantes empresas; Papiroff, un proxecto editorial para producir libros/contidos de formación para escolas en soporte dixital; Ibuky, que consistía nun servizo para conectar aos lectores con publicacións do seu interese; Tú construyes, un proxecto de web de venda de arquitectura low cost e sostible e portal de información sobre arquitectura e urbanismo, baseado no coñecemento compartido; e My Route, un sistema para predecir a ruta óptima para trasladarse entre dous puntos en transporte público, calculando o tempo estimado.

O desenvolvemento do Startup Weekend Galicia foi o seguinte. Primeiro plantexáronse as diferentes ideas. A continuación, as persoas participantes escolleron aquelas que consideraban máis viables. Traballaron nesas ideas creando un modelo de negocio que incluía un plan de ingresos e gastos, a inversión prevista, o estudo da competencia e do entorno comercial, un plan de marketing, o nome da futura empresa e o deseño da identidade gráfica e da web, entre outros aspectos. O último paso foi a presentación dos distintos proxectos ante os demais equipos e ante unha mesa de expertos e a elección do gañador.

Compartir: