EDUCACIÓN

O Concello pon en marcha un amplo programa de conciliación para as familias durante o verán

07/06/2010 A concelleira de Educación, Mercedes Rosón, presentou o Programa Municipal de Conciliación para as Familias de Compostela. Á Escola de Verán de Inglés, recentemente presentada, e á Cibercaixa de Roxos, súmase a X Edición da Escola Municipal de Verán e o programa de verán do Centro de Interpretación do Medio Rural da Portela (Figueiras).

Financiada a través do Fondo Estatal para o Emprego e a Sostibilidade Local, a Escola Municipal de Verán celebrarase este ano nos meses de xuño, xullo e setembro en tres centros educativos da cidade: CEIP Fontiñas, CEIP Pío XII e CEIP López Ferreiro. Novamente será un espazo de encontro e de lecer para os rapaces e rapazas, cunha oferta pensada especialmente para eles e para as familias neste tempo de vacacións. Haberá obradoiros, itinerarios pola cidade, xogos e deporte, entre outras actividades.

Poderán participar de balde nesta Escola calquera neno ou nena con idades entre os 3 e os 12 anos. O programa desenvolverase nunha primeira quenda do 23 de xuño ao 16 de xullo, e nunha segunda entre o 1 e o 9 de setembro, coa excepción en ambos casos dos fins de semana. Cada día, as actividades comezarán ás 9:30 e rematarán ás 13:30 horas. O horario de recepción da Escola será de 9:00 a 14:00 horas. Os monitores pertencen ao Centro Don Bosco, Asociación Xuvenil da Cruz Vermella e Fundación Fesán.

A forma de inscrición será o impreso correspondente, que deberá entregarse cuberto no espazo de recepción do propio centro escolar ao inicio das actividades.

Programa do Centro da Portela
Outra alternativa é o Programa de Conciliación Familiar do Centro de Interpretación do Medio Rural da Portela, dirixido neste caso a rapaces e rapazas entre 7 e 14 anos. As actividades terán lugar do 24 de xuño ao 10 de setembro. Combinaranse obradoiros de contido diverso e actividades didácticas tales como: itinerarios e roteiros, artes plásticas, grandes xogos, obradoiros de educación ambiental e patrimonial...

Existen dúas modalidades de matrícula: unha primeira, diaria, de 8:30 a 19:00 horas, de 25 euros por neno/a; e unha segunda, denominada "Campamento Rural", cun prezo de 180 euros neno/a. Nesta segunda opción, os escolares poderán participar nalgunha das sete quendas preparadas: do 24 de xuño ao 2 de xullo, do 5 ao 14 de xullo, do 15 ao 24 de xullo, do 31 de xullo ao 9 de agosto, do 11 ao 20 de agosto, do 22 ao 31 de agosto ou do 1 ao 10 de setembro.

O prazo de inscrición neste programa remata cinco días antes de cada quenda. As solicitudes deben presentarse no Rexistro Xeral do Concello (rúa Presidente Salvador Allende, 4-baixo) ou nos rexistros auxiliares: Centro Sociocultural das Fontiñas (rúa Berlín, 13) ou Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche (rúa Frei Rosendo Salvado, 14-16).

Outros programas
A concelleira de Educación aproveitou tamén a rolda de prensa para recordar que estes programas se suman a outros xa presentados, como a Escola Municipal de Verán de Inglés, ou a Cibercaixa de Roxos, que tamén estará aberta este verán. Ademais, a Concellería de Deportes colabora co IES Rosalía de Castro nun campamento urbano a realizar neste centro. E como cada verán, tamén estarán en Santiago os nenos e nenas saharauís no marco do programa Vacacións en Paz.

Máis información sobre todos estes programas na Concellería de Educación (rúa do Vilar, 13-1º), nos teléfonos 981 554 400/401, no fax 981 571 511 ou no correo electrónico dptoeducacion@santiagodecompostela.gal.

Compartir: