MOBILIDADE

Destacados expertos debaten en Santiago sobre as políticas de mobilidade

07/06/2010 Os días 10 e 11 de xuño vanse celebrar as IV Xornadas de Transporte e Mobilidade, organizadas por TUSSA e o Concello de Santiago. Están enmarcadas dentro dunha Semana do Transporte que comezará coa inauguración, o 9 de xuño, dunha exposición de autocares antigos no paseo central da Alameda.

A exposición de autocares antigos quedará aberta a todo o público a partir das 19:00 horas, tras a inauguración da mesma polo alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo. A mostra contará con máis dunha ducia de autocares antigos e unha exposición fotográfica.

Tamén o día 9, ás 12:30 horas, celebrarase en Raxoi a xuntanza da Comisión de Traballo de Transporte e Infraestruturas da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). Non obstante, as IV Xornadas de Transporte e Mobilidade comezan o día 10 no Hotel Monumento San Francisco.

A inauguración correrá a cargo da secretaria de Estado de Transportes do Ministerio de Fomento, Concepción Gutiérrez, e do alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo. Tras a inauguración celebrarase unha mesa redonda sobre "O dereito á mobilidade". O resto da primeira sesión estará dedicado a analizar as políticas de transporte público e vehículo privado, ao debate dos distintos modos de transporte público e ao financiamento destes servizos.

Na mañá do día 11 rematarán as Xornadas cunha mesa redonda sobre "Transporte público e planificación urbana". Clausurará o evento o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández.

O tema estrela das Xornadas, ademais do transporte público, é a mobilidade. Por este motivo, estarán en Santiago os principais implicados no sector: empresas de transporte, administración local e autonómica, consultoras, etc. Para analizar estes temas, contarase cun grupo de profesionais de recoñecido prestixio dentro do sector.

Documentos relacionados



Compartir: