MERCADOS E FESTAS

Os composteláns saíron á rúa para a coroación do pequeno rei de Galicia

05/06/2010 As rúas e prazas da Cidade Histórica acolleron a representación medieval da coroación do neno Alfonso Raimúndez como rei de Galicia. Máis de 200 persoas, entre actores e extras participaron nesta representación histórica, no marco da III Feira Medieval. Numerosos composteláns presenciaron o espectáculo.

Máis de 80 actores da compañía Dítea Teatro representaron diversas escenas para recrear a coroación do neno Alfonso Raimúndez como rei de Galicia o 17 de setembro de 1111. Alí estiveron o propio neno, o bispo Diego Xelmírez, Pedro Froilaz, Conde de Traba e titor do Infante, entre outros.

A comitiva saíu de San Domingos de Bonaval, para realizarn unha primeira parada na praza da Inmaculada, onde o pregoeiro e a vilá relataron os feitos que levaron a que, en Toledo, dona Urraca se reunira cos nobres de Castela e León para lles anunciar a súa intención de ocupar o posto do seu pai, Alfonso VII de León.

Despois detivéronse na praza de Cervantes. Alí, o cabido e o bufón explicaron o conflito que provocou nos nobres galegos a decisión de dona Urraca e como, mentras en Palencia dona Urraca casaba co rei de Aragón, en Galicia o Conde de Traba reunía os nobres fieis ao infante Raimúndez para proclamalo rei. Iso provocou a Batalla de Monterroso.

A terceira parada foi na praza do Toural, para relatar como uns traidores enganaron o bispo Xelmírez no castelo de Castro Miño para raptar o infante Reimúndez. Finalmente, a comitiva chegou á praza da Quintana. O cabido e o bufón deron paso á coroación de Alfonso Reimúndez como Rei de Galicia, tal como acontecera naquel 17 de setembro de 1111.

Compartir: