ALCALDÍA

A unión vital e literaria entre Marilar Aleixandre e Santiago de Compostela, plasmada nunha homenaxe

05/06/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, presidiu a homenaxe que os escritores galegos lle fixeron a Marilar Aleixandre. A autora ten agora a Letra E e un monolito conmemorativo desta homenaxe na avenida de Barcelona.

A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) dedicou a sexta edición da homenaxe "A escritora na súa terra" a Marilar Aleixandre. Primeiro, na avenida de Barcelona, prantouse un abruñeiro, árbore elixida pola propia autora. A continuación, descubriuse un monolito cun poema inédito de Aleixandre titulado "As paredes de Belvís".

Xa na Casa do Concello, o alcalde entregoulle á escritora o galardón Letra E, unha peza escultórica de Silverio Rivas coa que se recoñece a condición de escritora da homenaxeada.

Tal como se indica na súa páxina web persoal, a narradora, poeta e tradutora Marilar Aleixandre (Madrid, 1947), usa o galego como lingua literaria e afirma que ten a lingua partida, pero que non todos os bichos con lingua bífida son perversos. En canto aos libros, di que no fondo son mensaxes escritas con tinta, chuspe ou sangue que guindamos ao baleiro coa esperanza de que alguén os reciba. Afeccionada a recoller palabras descarreiradas, gárdaas entre as liñas de relatos ou poemas. Traballa nunha das empresas máis antigas (500 anos) de Galicia.

Vive en Santiago de Compostela, onde ensina Didáctica da Bioloxía e Educación Ambiental na Universidade, e escribe. Algúns temas recorrentes nos seus libros son as traizóns, sobre todo as traizóns a un mesmo, a unha mesma e as tortuosas relacións familiares.

Compartir: