MERCADOS E FESTAS

Máis de 200 persoas participarán na recreación medieval da coroación de Alfonso Raimúndez como rei de Galicia

04/06/2010 O Concello compostelán anima a todos os cidadáns a unirse á comitiva que mañá sábado, a partir das 19:00 horas, recreará polas rúas e prazas do Casco Histórico a cerimonia de coroación de Alfonso Raimúndez como rei de Galicia. Máis de 200 persoas, entre actores e extras participarán nesta representación histórica, no marco da III Feira Medieval, aberta ata o domingo. O evento foi inaugurado polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo.

Para darlle o máximo colorido a este desfile e á propia Feira Medieval, o Concello repartiu adornos para engalanar os balcóns. Ademais, a Asociación Compostela Vella fomentou a participación veciñal facilitando disfraces. Tal foi o éxito da convocatoria, que o vestiario de época xa se esgotou. Pero calquera pode unirse aínda a esta comitiva, disfrazado ou non, para vivir o ambiente medieval desta xornada.

Máis de 80 actores da compañía Dítea Teatro representarán diversas escenas para recrear a coroación do neno Alfonso Raimúndez como rei de Galicia o 17 de setembro de 1111. Alí estarán o propio neno, o bispo Diego Xelmírez, Pedro Froilaz, Conde de Traba e titor do Infante, entre outros. A eles uniranse numerosos extras, ata xuntar unhas 200 persoas.

A comitiva sairá ás 19:00 horas de San Domingos de Bonaval. A primeira parada será na praza da Inmaculada, onde o pregoeiro e a vilá relatarán os feitos que levaron a que, en Toledo, dona Urraca se reunira cos nobres de Castela e León para lles anunciar a súa intención de ocupar o posto do seu pai, Alfonso VII de León.

Despois deteranse na praza de Cervantes. Alí, o cabido e o bufón explicarán o conflito que provocou nos nobres galegos a decisión de dona Urraca e como, mentras en Palencia dona Urraca casaba co rei de Aragón, en Galicia o Conde de Traba reunía os nobres fieis ao infante Raimúndez para proclamalo rei. Iso provocou a Batalla de Monterroso.

A terceira parada será na praza do Toural, para relatar como uns traidores enganaron o bispo Xelmírez no castelo de Castro Miño para raptar o infante Reimúndez. Finalmente, a comitiva chegará á praza da Quintana. O cabido e o bufón darán paso á coroación de Alfonso Reimúndez como Rei de Galicia, tal como acontecera naquel 17 de setembro de 1111.

Cómpre recordar que a implicación cidadá nesta Feira Medieval non queda só nesta recreación, pois á participación na Feira dalgúns comercios tradicionais de Compostela, únese o papel de varios establecementos hostaleiros da Cidade Histórica, que elaboran tapas e menús medievais para a ocasión. En concreto, hai tapas medievais en: Abastos 2.0, A Cova do Feo, Café Bar Bicoca, Cafetería República, Garum Bistró e Tránsito dos Gramáticos. Os menús da época poden degustarse nos seguintes establecementos: A Curtidoría, Bierzo Enxebre, Casa Felisa, Casa Rosalía, Garum Bristró, O Celme do Caracol e Tafona Casa de Xantar.

Máis alá deste espectáculo, ao longo dos tres días da Feira sucederanse diversas representacións medievais e actividades. Non faltarán nas rúas pícaros, xograres, bufóns e cabaleiros para interactuar co público.

Polo que se refire ao propio mercado medieval en si, os postos están distribuídos polas seguintes rúas e prazas: praza de Cervantes, rúa Acibechería, praza da Inmaculada, praza de San Martiño Pinario, rúa das Casas Reais, praza de Salvador Parga, rúa da Algalia de Arriba, Pescadería Vella, cantón do Toural, rúa das Orfas, rúa da Caldeirería, rúa do Preguntoiro, travesa de San Paio de Antealtares, praza de Feixó, Antealtares, rúa da Conga e rúa Nova.

Colaboración cidadá
O Concello de Santiago solicita aos residentes a súa colaboración e que intenten non aparcar nas rúas reservadas para a Feira Medieval, co fin de non obstaculizar tanto o propio mercado como o percorrido que se realizará mañá sábado.

Compartir: