EMPREGO

Obradoiro de Promoción Económica sobre competencias clave destinado a formadores

04/06/2010 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou o obradoiro de formación Competencias transversais clave nos programas de formación e emprego. Métodos e ferramentas para o desenvolvemento das competencias para a empregabilidade.

O obxectivo deste obradoiro é preparar a formadores, dotalos de ferramentas para o desenvolvemento de competencias clave relacionadas coa empregabilidade: comunicación, disposición de aprender, traballo en equipo, responsabilidade no traballo e resolución e problemas, entre outros. Este obradoiro conta con 30 prazas, divididas en dous grupos de 15 persoas. Un deles formarase o día 15 pola tarde, e o outro o 16 de xuño, en horario de mañá. Celebrarase no Centro Sociocultural do Castiñeiriño.

Organizado pola Concellaría de Promoción Económica e Emprego, e cofinanciado polo Fondo Social Europeo, o obradoiro enmárcase no Pacto Local polo Emprego de Santiago de Compostela e nel colabora REDEL, a Rede de Entidades para o Desenvolvemento Local. Está dirixido a persoas expertas en Formación Profesional para o Emprego e Coordinadores de Formación. As persoas interesadas poden inscribirse no formulario habilitado en www.maiscompostela.org, ou enviando o nome, apelidos, profesión, centro de traballo, teléfono e enderezo electrónico ao fax 981 543 193 ou ao enderezo electrónico servizolocaldeemprego@santiagodecompostela.gal.

Segundo a Recomendación do Parlamento e o Consello europeos, do 18 de decembro de 2006, as competencias clave, como combinación de coñecementos, capacidades e aptitudes adecuadas a unha determinada situación, son fundamentais para toda persoa nunha sociedade baseada no coñecemento. Comportan un valor engadido ao mercado laboral e constitúen un factor esencial de innovación, produtividade e competitividade, e contribúen á motivación e satisfacción das/os traballadoras/es, así como á calidade do traballo. Por este motivo, o goberno europeo propón aos estados membros unha ferramenta de referencia para asegurar que estas competencias clave se integren nas estratexias e infraestruturas dos estados membros, sobre todo no marco da aprendizaxe permanente.

Este instrumento de referencia, elaborado por REDEL, repartirase durante o obradoiro de formación. Trátase dunha guía, pioneira a nivel estatal, na que se integran distintas ferramentas de uso, como módulos de fichas e diferentes accións e actividades que facilitarán a interrelación das competencias e a creación de itinerarios formativos, conforme as recomendacións da Unión Europea.

Compartir: