ALCALDÍA

Sánchez Bugallo: "A novidade dos orzamentos deste ano será onde se poden aforrar outros dous millóns de euros"

04/06/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, indicou que nos orzamentos de 2010, que se presentarán, tal como se anunciar, no Pleno deste mes de xuño, "a única novidade é onde se poden aforrar dous millóns de euros máis". "Non esperen outras novidades", indicoulles aos xornalistas, recordando que o capítulo de gastos, incluído o corrente e os investimentos, xa se coñecían.

A propósito do aforro orzamentario, apuntou que os recortes nos salarios de funcionarios e altos cargos municipais irá á Xunta de Goberno do mércores 9. O alcalde baixará o seu soldo nun 10%, os concelleiros un 8% e os funcionarios entre un 3% e un 5%. Recordou o alcalde que o aforro por estas rebaixas, segundo marca o Decreto Lei do Goberno, debe destinarse a minorar o saldo negativo do exercicio anterior ou, de non habelo ou na cantidade que exceda do mesmo, a amortizar débeda.

A Xunta de Goberno celebrarase o mércores debido á folga de funcionarios prevista para o martes 8, para a cal se fixaron uns servizos mínimos "semellantes aos dun sábado". Calculou Sánchez Bugallo que, deixando á marxe os servizos de seguridade e de extinción de incendios, ese servizos mínimos suporían que estarían traballando "unha ducia de traballadores".

O rexedor municipal expresou o seu "respecto" ao dereito á folga e a súa comprensión polo "disgusto" que provocan as medidas de redución dos salarios, "pero deben entender que non hai máis marxe aplicar estas medidas e a situación económica obriga facer sacrificios importantes". O obxectivo destas "medidas necesarias", dixo, é "garantir o estado do benestar, a solvencia financeira e unha máis rápida e mellor recuperación económica".

Obras garantidas
Na súa rolda de prensa semanal, o alcalde tamén expresou a súa satisfacción pola conversa mantida o martes co ministro de Fomento, José Blanco, no sentido de garantir as grandes obras que o Ministerio ten comprometidas con Santiago. A propósito dunha desas actuacións, a ampliación da AP-9, lembrou que está en marcha o proceso de expropiación, que afectará a 675 propietarios e 22 hectáreas e que obrigará a derrubar dúas vivendas e algún galpón.

Na reunión mantida polo alcalde cos veciños das zonas afectadas por esta obra, ofrecéuselles que presenten as súas suxestións. O Concello avaliaraas para ver cales se poden engadir ás alegacións municipais ao proxecto, unha vez rematado o período de exposición pública. Expropiación e tramitación do proxecto transcorren en paralelo, co obxectivo de auq as obras poidan licitarse a finais de 2010 e comezar na privamera de 2011.

Tamén en 2011, neste caso no mes de xullo, está previsto que estea rematada a nova terminal de Lavacolla. Agarda o alcalde que, tras a licitación tamén do equipamento, a terminal "estea rematada e tamén equipada" para esa data. Outras obras en marcha, como a entrada do AVE en Santiago ou o túnel do Hórreo, tamén marchan a bo ritmo, resaltou Sánchez Bugallo.

Finalmente, referiuse a outra actuación pendente, o paso inferior de Conxo, para anunciar que xa hai data para citar no centro sociocultural do barrio aos veciños afectados, co fin de tratar a expropiación dos terreos. O paso seguinte será a licitación das obras.

Todas as obras do FES en marcha
A propósito doutras obras, as 37 do Fondo Estatal para o Emprego e a Sostibilidade Local (FES 2010), o alcalde agarda que na vindeira semana poidan estar todas adxudicadas. O prazo para o remate destas actuacións é o 31 de decembro, se ben se podería prorrogar o prazo para algunha. É o caso –indicou- do novo Centro Cívico de Santa Marta.

Compartir: