EDUCACIÓN

O Concello consegue axudas para cofinanciar o 60% de dous programas de Educación

03/06/2010 Dende o Concello de Santiago estase a traballar este ano dun xeito especial na procura de axudas externas que complementen os orzamentos municipais para poder manter os programas e o nivel de actividades dos diferentes departamentos.

Neste sentido, o Departamento de Educación vén de recibir o apoio económico da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), que dentro da súa Convocatoria de axudas para o programa de Cultura Científica e da Innovación 2010 resolveu concederlle ao Concello de Santiago subvencións para cofinanciar o 60% do Programa de Educación Ambiental nos cCntros de Ensino de Compostela e o Concurso de Enxeño e Entretemento Matemático.

Grazas a estas achegas, non só se manteñen os programas, senón que ademais o Concello poderá traballar na creación formal dunha rede local de fomento da cultura científica e da innovación, coa participación de entidades locais que traballan tamén a prol da divulgación da ciencia e da participación dos máis novos neste tipo de programas, unha realidade recoñecida pola FECYT no seu informe da concesión destas axudas.

O Programa de Educación Ambiental nos Centros de Ensino de Compostela recibiu unha axuda de 5.900 euros para desenvolver talleres e visitas guiadas que promovan a información e a sensibilidade da poboación escolar sobre los problemas ambientais das sociedades do século XXI. Os temas serán, entre outros, o consumo esaxerado e o deterioro do entorno e das cidades. Creouse ademais un programa específico sobre a auga e os ríos. O programa, deseñado coa participación de educadores e educadoras de ADEGA, busca fomentar entre os escolares hábitos e actitudes cidadás que fagan da nosa cidade un espazo de maior calidade para a vida cotiá. En total participarán 1.200 alumnos de infantil, primaria, ESO, bacharelato e ciclos formativos.

Tamén houbo unha achega de 1.700 euros para cofinanciar o Concurso de Enxeño e Entretemento Matemático celebrado o 12 de maio, e que convocan cada ano a Asociación Galega de Profesores de Educación Matemática (AGAPEMA) e o Departamento de Educación do Concello, coincidindo coa celebración do Día Escolar das Matemáticas. A proba, na que participaron 120 escolares de 14 centros, completouse cun Paseo Matemático por algúns lugares emblemáticos de Compostela, co obxectivo de observar a cidade como un recurso para abordar conceptos e propiedades matemáticas dende una perspectiva innovadora.

Compartir: