TURISMO

Santiago de Compostela acolle a estrea da exposición "El viaje polar"

03/06/2010 Mostrar os efectos do quentamento global sobre os Polos, a súa inmensa beleza, a fauna que o habita e o importante papel que desempeña no equilibrio do Planeta. Estes son os obxectivos cos que foi concibido El viaje polar, cuxa exposición iniciará en Santiago un ciclo que o levará a diferentes cidades españolas durante 2010 e 2011.

Liderado polo fotógrafo ferrolán Carlos Caraglia, El viaje polar é un ambicioso proxecto de divulgación científica cuxa primeira fase se poderá coñecer nesta mostra, que se presenta por primeira vez en Santiago con motivo do Ano Santo. Permitirá aos visitantes contemplar imaxes inéditas sobre a vida no Polo.

A exposición foi presentada en rolda de prensa polo concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, acompañado polo propio Carlos Caraglia; a directora da Fundación Caixa Galicia, Teresa Porto; a xefa de Relacións Externas de Begano, María Sande; e o xefe de área en Santiago de Gadisa, Román Roo. Está baseada nos fondos da viaxe que en decembro de 2009 realizaron o fotógrafo e o seu equipo á Antártida. En concreto, percorreron 7.000 millas mariñas (11.265 quilómetros) a bordo do crebaxeos ruso Kapitan Klebnikov, accedendo aos lugares máis extremos da Terra, visitando as inaccesibles colonias de pingüíns emperador e os refuxios dende os que Scott e Shackleton iniciaron as campañas cara a conquista do Polo Sur.

A mostra, que se poderá visitar no parque da Alameda do 3 ao 10 de xullo, é posible grazas á colaboración de Turismo de Santiago e do Concello, así como dos patrocinadores e colaboradores. Ocupará unha superficie expositiva de 100 metros cadrados e contará cun programa de actividades nas que se combinará o entretemento coa divulgación. No apartado puramente expositivo, o visitante encontrarase con catro espazos de imaxes inéditas: Antártida, Desxeo no Ártico, Pingüíns Emperador e Cabanas dende as que partiron as referidas expedicións.

De forma paralela á mostra, a Aula de Cultura da Fundación Caixa Galicia acollerá un ciclo de conferencias sobre as expedicións realizadas no Polo e sobre o cambio climático a cargo dos propios protagonistas deste proxecto divulgativo.

Presentación na praza da Quintana
Como anticipo e no marco das celebracións do Día Mundial do Medio Ambiente (5 de xuño), a praza da Quintana acollerá o venres pola noite unha proxección nocturna sobre El viaje polar. Será un acontecemento único, tanto pola primicia das imaxes como polo ámbito no que se emite.

Dará comezo ás 0:00 horas (noite do venres ao sábado), coincidindo co primeiro minuto do Día Mundial do Medio Ambiente. Nunha pantalla xigante e durante 30 minutos, os espectadores gozarán de belas e inéditas imaxes en alta definición.

Continuación do proxecto
Tras o seu paso por Santiago, a mostra estará en Ferrol no mes de novembro, antes de iniciar o programa polo resto de España en 2011. Visitará Barcelona, Madrid, Bilbao e Zaragoza, entre outras cidades.

El viaje polar ten unha segunda fase, que comezará tamén en 2011, que consiste na gravación dun documental sobre os efectos do cambio climático nos Polos e nos océanos, para o que xa se están a preparar novas expedicións. Uniranse a Carlos Caraglia nesta fase Manu San Félix e Leandro Blanco, que dirixirán a rodaxe.

Compartir: