CULTURA

Meredith Monk e a danza, protagonistas do calendario cultural de xuño

02/06/2010 A concelleira de cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, Paulo Rodríguez, presentaron a programación cultural de xuño en Compostela. A oferta inclúe propostas como a de Meredith Monk, que pecha a temporada de Sons da Diversidade, ou o certame Entredanzas.

No apartado musical, Socorro García salientou o concerto da Real Filharmonía, que o venres 4 remata o programa de abono da temporada cunha actuación que deixará "bo sabor de boca para a próxima". Paulo Rodríguez destacou que a xornada estará dedicada á zarzuela, un xénero que "non é fácil encaixalo no programa de abono", pero, que se inclúe para "despedir o desta temporada" e satisfacer as numerosas peticións do público.

Outra das citas musicais deste mes de xuño é Sons da Diversidade, que culmina temporada coa actuación de Meredith Monk, o sábado 19, ás 21:00 horas, no Auditorio de Galicia. García Conde definiu a artista como "polifacética, complexa e persoal", mentres que o director do Auditorio lembrou que "é unha artista de culto, rara avis pola súa investigación musical" e cualificou o concerto de "oportunidade única para vela, porque non se prodiga por moitos escenarios".

Pola súa parte, a Banda Municipal de Música comeza a temporada de verán con concertos os xoves e os domingos na rúa do Vilar, aínda que a concelleira de Cultura adiantou que haberá "algunhas novidades", con actuacións noutros espazos que se anunciarán no seu momento.

Nos Centros Socioculturais chega ao seu final o ciclo Revelando Voces, unha iniciativa nada en 2007 "para apoiar grupos e cantautores, e que foi ampliando o seu espectro co tempo". A gala final deste ano será no Teatro Principal o venres 25.

SCQ Danza e Entredanzas
No apartado de teatro, Socorro García destacou a actuación os días 11 e 12 de Los Ulen con Maná Maná, e o venres 4, no marco do SCQ Danza, o espectáculo Tabú Resorte, de Javier Martín, cunha "escenografía decadente que xoga coa luz".

Pero a principal cita coa danza terá lugar no Entredanzas 2010, un programa bianual que se desenvolverá do 25 ao 27 de xuño en diferentes espazos da cidade coa participación, desta volta, de varios artistas franceses.

Continúa ata o 20 de xuño a exposición de María Xosé Díaz no Auditorio, mentres que a Zona "C" estrea o día 17 unha mostra de Nuria Ruibal, Entre a razón e a pel, que permanecerá ata o 12 de setembro.

A tamén variada oferta dos centros socioculturais contará, entre as súas actividades destacadas, coa proxección do documental A memoria dos tempos do Volfram, o día 12 no Ensanche, e a IV Romaría dos Centros Socioculturais, o 12 de xuño na carballeira de Nemenzo, o que supón "a saída dos centros socioculturais á rúa".

Documentos relacionados



Compartir: