EMPREGO

O "Startup Weekend Galicia" ensina como crear unha empresa en 48 horas

02/06/2010 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias presentou, xunto os organizadores, María Encinar e Iago Soto, o Startup Weekend Galicia. Trátase dun evento de tres días de duración, relacionado co emprendemento e a creación de empresas, no que colabora Promoción Económica a través do programa de fomento do emprendemento Compostela Activa 2010.

O Startup Weekend Galicia celebrarase do 4 ao 6 de xuño na sede do ITE Caixa Galicia, situada na rúa Nova. Baseado no networking e no traballo en equipo, ten como obxectivo reunir a persoas con talentos diversos para seleccionar unha idea, desenvolver un produto e crear unha ou máis empresas dende cero en tan só 48 horas.

Fundado en 2007 por Andrew Hyde, o Startup Weekend baséase no concepto dunha conferencia enfocada a aprender creando. Destaca pola toma rápida de decisións, pensamento innovador e unha técnica única para facilitar e permitir aos fundadores mostrar o que eles saben e poden facer. Actualmente o programa desenvólvese con éxito en Toronto, Nova York, Hamburgo, Houston, West Lafayette, DC e en máis de 100 cidades ao longo do mundo. Agora chega a España, comezando por Madrid e continuando en Galicia.

O Startup Weekend Galicia está previsto que comece o venres, día 4, ás seis da tarde, coa experiencia de distintos/as emprendedores/as e unha presentación, dun minuto, das distintas ideas de empresa. A continuación, as persoas participantes escollen as ideas que consideran máis viables. O sábado 5 comézase a traballar nesas ideas co obxectivo de crear un modelo de negocio que inclúa un plan de ingresos e gastos, a inversión prevista, o estudo da competencia e do entorno comercial, un plan de marketing, o nome da futura empresa e o deseño da identidade gráfica e da web, entre outros aspectos. O domingo 6 preséntase o proxecto ante os demais equipos e ante unha mesa de expertos e inversores.

O Startup Weekend Galicia conta con 50 prazas. As persoas interesadas poden apuntarse no formulario de inscrición habilitado na páxina web galicia.startupweekend.org/cy, ao que tamén poden acceder dende a páxina de Promoción Económica www.maiscompostela.org. O custo é de 40 euros para estudantes, 35 para persoas xubiladas e 50 euros para o resto. Este prezo inclúe a comida. O evento está organizado por catro emprendedores/as sen ánimo de lucro: Carlos Granados, María Encinar, Iago Soto e Javier Varela. Conta co patrocinio da Fundación R, ITE Caixa Galicia e Gradiant. Ademais da Concellaría de Promoción Económica, con Startup Weekend Galicia colaboran Uninova, AJE Coruña, AJE Vigo, Eganet, Inberso, Agasol, Innoban e Buscadestinos.

Compartir: