EDUCACIÓN

O V Certame de Danza Intercentros leva a escena a 161 escolares con 22 coreografías

02/06/2010 O Certame de Danza Intercentros alcanza a súa quinta edición como plataforma de exhibición pública do traballo que no eido da danza se realiza nos centros escolares da cidade. O interese por este xénero artístico medra cada curso, como o demostra o feito de que este ano serán 22 as coreografías representadas, seis máis que en 2009.

A concelleira de Educación, Mercedes Rosón, presentou este V Certame de Danza Intercentros, que se celebrará o sábado 5, ás 20.00 horas, na Sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia. Acompañárona o responsable do Departamento de Educación, Xosé Manuel Rodríguez-Abella, e, en representación da Asociación Cultural Danza Stellae, a coreógrafa e profesora Beatriz Viñal, unha das encargadas de impartir as súas ensinanzas ás 161 alumnas e alumnos de entre 3 e 18 anos que participan nesta edición. As outras profesoras son Eva Cancio, Silvia Miramontes, Mercedes Martínez, Luz Fernández e Violeta Lado.

Mercedes Rosón recordou o pulo que este Festival ten adquirido en cada edición, reunindo a máis de 1.000 persoas entre os escolares e todos os seus familiares e amigos. Pola súa parte, Beatriz Viñal fixo un chamamento a todos os centros que teñen danza entre as súas actividades escolares, pero que aínda non participan no Certame, a facelo en vindeiros anos. Tamén recordou que a entrada é de balde e que o espectáculo durará unha hora e media aproximadamente.

Entre as 22 coreografías do Certame haberá pezas clásicas e modernas: Man’s World, de James Brown; Tempo de vals, de P. I. Tchaikovsky; As sílfides, de F. Chopin; Nenúfar (varios); Mad World, de Gary Jules; In the closet, de Michael Jackson; Contos dos bosques de Viena, de J. Strauss; Mimox, de Norah Jones; Danza dos mirlitóns, de P. I. Tchaikovsky; Dreams, de Yann Tiersen; Buscando un espazo (varios); Un día de primavera (varios); Amigos, de Moby; Pizzicato Polka de Sylvia, de L. Delibes; Thriller, de Michael Jackson; Fallen, de Carl Orff; Ballet Don Quijote, de L. Minkus; Contra todo prognóstico (varios); Desorientación, de Enigma; The One, de Amy Lee; O vals das flores, de P.I. Tchaikovsky; e Luna nova (varios).

Nesta ocasión participan escolares de seis centros: IES Rosalía de Castro, CEIP Pío XII, Colexio San José de Cluny, Colexio Manuel Peleteiro, CEIP López Ferreiro e IES Arcebispo Xelmírez I.

Ademais da representación das coreografías, celebrarase unha nova edición de Mercadanza, no que artesáns e establecementos exhibirán e porán á venda diversos artigos relacionados coa danza.

Direcciones relacionadas



Compartir: