PARTICIPACIÓN CIDADÁ

A aventura en bicicleta de Brais Palmás polos espazos naturais de Europa, recollida nunha exposición na Casa das Asociacións

02/06/2010 A Concellería de Participación Cidadá leva á Casa das Asociacións a mostra "Ecos de ruta", que recolle as fotografías realizadas por Brais Palmás nun percorrido en bicicleta polos espazos naturais de Europa ao longo de 5.500 quilómetros e catro meses. A mostra abrirase ao público o xoves 3 de xuño e o protagonista estará en Santiago para participar nun faladoiro xusto dous días antes de iniciar a súa nova aventura, esta vez por Eurasia e durante tres anos.

Brais Palmás compartirá as súas impresións con todos aqueles que o desexen o xoves 3 de xuño, ás 20:30 horas, na Casa das Asociacións. Será unha boa oportunidade para falar da súa próxima expedición a Eurasia e tamén da anterior, recollida en imaxes en "Ecos de ruta". Esta mostra, aberta do 3 ao 16 de xuño, exhibe 25 imaxes da paisaxe e da fauna do norte de España, Francia, Suíza, Italia, Eslovenia, Croacia e Bosnia. Dúas das fotografías da exposición foron premiadas en dúas categorías do Concurso Nacional das Illas Atlánticas de Galicia.

En parte do seu percorrido, Brais Palmás frecuentou sendeiros que forman parte da rede internacional do Camiño de Santiago gozando do contacto continuo con peregrinos de todas as partes do mundo. A ruta polo norte peninsular, agás lixeiras excepcións, discorreu polo Camiño Primitivo.

Brais Palmás
Brais Palmás é un fotógrafo de 19 anos. En Pontevedra dedicábase profesionalmente á fotografía social e de espectáculos, pero sentía que á súa idade non podía contentarse cunha vida rutineira á que non lle encontraba demasiado sentido ata que visualizou o seu desexo: coller a súa bicicleta para percorrer os principais espazos naturais de Europa.

Para materializar a súa expedición buscou patrocinadores que lle proporcionaron o soporte físico e mediático necesario e que aparecen publicitados no seu web: www.braispalmas.com. Obtivo o recoñecemento e apoio da prensa, que o axudou a difundir o seu proxecto e iniciou un camiño no que percorrería 5.500 quilómetros partindo dende Pontevedra cara o nordés de España para coñecer seis países máis ao cabo de catro meses.

Proxecto Samana
O 5 de xuño, Brais Palmás inicia unha nova aventura, o Proxecto Samana, que o levará a percorrer áreas protexidas de 24 países de Europa e Asia. Durante tres anos, pasará coa súa bicicleta por Portugal, España, Francia, Alemaña, República Checa, Polonia, Ucraína, Romanía, Bulgaria, Turquía. Xeorxia, Rusia, Kazajistán, China, Nepal, India, Sri Lanka, Bangladesh, Myanmar, Tailandia, Malaisia, Indonesia, Camboxa e Vietnam.

O obxectivo do fotógrafo é retratar a biodiversidade destes países e formular unha visión diferente do estado actual de determinadas zonas e especies animais silvestres. Ademais, quere que a xente entenda cales son os problemas aos que se ven sometidas certas especies, de que maneira intervén o humano nos seus ecosistemas e cales son os danos colaterais que a acción do home provocan no entorno.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: