REAL FILHARMONÍA

Manuel Valdivieso dirixe á Real Filharmonía nun concerto de sons sudamericanos

14/12/2005 O xoves 15 de decembro ás 21.00 horas no Auditorio de Galicia, a Real Filharmonía de Galicia, baixo a dirección do mestre Manuel Valdivieso, interpretará un concerto con aires sudamericanos, no que se escoitarán as obras de Darius Milhaud, Saudades do Brasil (Suite); e de Astor Piazzola, Concerto para bandoneón "Aconcagua" e Tangos.

Pablo Mainetti (bandoneón), Lluis Vidal (piano) e Horacio Fumero (contrabaixo) serán os solistas do concerto.

A obra de Milhaud, Saudades do Brasil , foi composta entre 1920 e 1921, na súa dobre versión para orquestra e para piano so. Está organizada como unha suite de 12 danzas (Sorocaba, Botafogo, Leme, Copacabana, Ipanema, Gavea, Corcovado, Tijuca, Sumaré, Paineras, Lamranjeiras, Paysandú) que toman o seu título de distintos barrios de Río de Xaneiro.

Se ben a produción musical de Astor Piazzolla (1921-1992) xira inevitabelmente en torno ao tango, a súa actitude inconformista e a súa permeabilidade lévano a transgredir os límites do canon popular, non sen levantar airadas polémicas sobre o proceso de estetización ao que o somete, facendo do "tango novo" a expresión máis universal do imaxinario sonoro arxentino despois da voz de Carlos Gardel. No concerto desta noite escoitaremos os tangos Decaríssimo, Invierno porteño, Adiós nonino, Milonga del ángel e La muerte del ángel.

A singularidade de Piazzolla reside non tanto no proceso de reelaboración de patróns de inspiración popular, como na súa capacidade para manter un perfecto equilibrio entre as raíces tangueiras, a tradición "culta" europea e o jazz que dá como resultado o orixinal produto transcultural
Bautizado como "Aconcagua" polo editor Aldo Pagani por consideralo a obra cume de Piazzolla o Concierto para Bandoneón, composto en 1979 está dividido en tres movementos contrastantes, Allegro-marcato, Moderato e Presto.

O bandoneón é un instrumento da familia dos acordeóns que emite as súas voces, sucesiva ou simultaneamente, pola vibración de dous sistemas de lengüetas metálicas—canto e baixo—respectivamente aloxados no interior de dúas caixas acústicas de madeira nas que van dispostos os teclados, provistas de aire a presión e unidas por un fol de cartón, badana e accesorios de metal. Inventado en Alemaña […] foi levado a Bos Aires por algún inmigrante descoñecido. Alí, o bandoneón transformouse no instrumento esencial do tango cuxo son escuro se acoplou inmediatamente ao carácter melancólico do tango.

Compartir: