EMPREGO

Promoción Económica presenta o Boletín sobre o mercado laboral de Santiago

26/05/2010 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou o Boletín sobre o mercado laboral de Santiago de Compostela. 2º semestre 2009. A publicación recolle, en catro apartados e 63 páxinas, as características da poboación activa e da poboación desempregada, os perfís de contratación, a actividade empresarial, a evolución do desemprego e os sectores de actividade con máis ofertas laborais.

Toda a información contida neste Boletín complétase con 30 gráficos, 11 táboas e a incorporación, por primeira vez, de cinco esquemas. Todos estes datos poderanse consultar, a partires do xoves 27, na páxina web de Promoción Económica , no apartado de Observatorio Estatístico.

É o cuarto boletín destas características que edita a Concellaría de Promoción Económica e Emprego. O primeiro saíu en decembro de 2008, o segundo en maio de 2009 e o terceiro en novembro de 2009. Os datos que contén complétanse cunha análise detallada da situación da realidade laboral do municipio, o que o converte nun instrumento de consulta para todas aquelas administracións, entidades e empresas que precisen obter datos sobre o mercado de traballo en Santiago.

Este tipo de publicacións son importantes, sobre todo en momentos de crise económica, porque permiten realizar un seguimento continuado da realidade laboral e estudar a súa evolución. Os resultados desta análise axudan a desenvolver políticas activas e eficaces destinadas ao fomento do emprego e adecuadas ás necesidades da sociedade.

O Boletín sobre o mercado laboral de Santiago de Compostela. 2º semestre 2009 ten unha tirada de 300 exemplares. A maioría deles distribúense entre entidades públicas e privadas vinculadas ao mundo laboral, empresarial, e do emprendemento. Entre elas, distintos departamentos da Xunta de Galicia, a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, a Asociación Área Empresarial do Tambre, a USC, etc. O resto queda nas Oficinas de Promoción Económica a disposición das persoas interesadas, entidades e empresas que o soliciten.

Documentos relacionados



Compartir: